En novembro chega a 4ª edición do curso de desenvolvemento seguro ante ciberameazas de Vitae
mércores, 15 de outubro do 2025
A Rede é unha gran ferramenta e, como tal, resulta positiva ou negativa dependendo do uso que lle dean os internautas. Para a consultora galega Vitae, referente na formación tecnolóxica avanzada para profesionais dos sectores innovadores, o feito de que o mundo dixital posúa grandes e importantes utilidades non debe facernos esquecer a necesidade de protexer as nosas empresas. Para axudarnos neste punto, a consultora galega Vitae convocou a 4ª edición do Curso Desenvolvemento Seguro ante Ciberataques, de seis horas de duración e impartido polo experto Daniel García. Levarase a cabo en formato de aula virtual, con clases en directo recuperables, os días 12 e 19 de novembro.
O curso convídanos a facer as cousas con calma e aplicar o principio básico de todo desenvolvemento tecnolóxico: testear.
“Cando un desenvolvedor escribe código con présas, e sen seguridade en mente, poden acontecer cousas coma a que lle ocorreu ao enxeñeiro de software que lanzou un venres un pequeno axuste no código dunha API bancaria, e o luns, cando chegou á oficina, a empresa levaba perdidos 400.000 euros”, sinalan dende Vitae, lembrándonos que “fallos de seguridade coma o devandito poden evitarse se os desenvolvedores invisten 10 minutos máis en revisar o código... Só dez minutos abondarían”. Trátase, sinalan, dun tipo de erros que non é raro, e “ocorren acotío”, sobre todo cando os desenvolvedores, que adoitan facer moi ben o seu traballo específico, non se centran como deberan en aplicar un mínimo de seguridade.
Este curso achega unha formación específica sobre seguridade en desenvolvemento enfocada directamente a evitar eses erros que converten un pequeno fallo de código “nun auténtico pesadelo financeiro, legal ou reputacional”, sinalan dende Vitae.
A formación están dirixida a “desenvolvedores que non queren protagonizar a próxima gran data de seguridade”, ou “responsables de equipo que desexen durmir profundamente sabendo que o seu código é seguro”. Tamén, recorda Vitae, “é un curso acaído para profesionais técnicos aos que lles importe máis a súa reputación que cruzar os dedos e esperar que todo saia ben”.
Algúns contidos
-Inxeccións
Mostrarase por que deixar que un usuario introduza texto sen comprobar é como convidalo a entrar ao noso servidor.
Aprenderase a bloquear isto en menos de 5 minutos.
-Autenticación e xestión de contrasinais
Mostrarase como gardar contrasinais sen protección real pode ser o fin da nosa empresa.
-Control de acceso básico
Aprenderase a como evitar que un usuario vexa ou modifique datos que non debería ver.
-Ficheiros e información sensible
Explicarase por que gardar datos en arquivos sen protexer é como deixalos enriba dunha mesa pública, e como protexelos con métodos sinxelos que podemos aplicar hoxe mesmo.
-Configuracións inseguras por defecto
Descubrirase como os axustes por defecto poden ser trampas para novatos. Porase o foco no que é preciso cambiar e porqué facelo antes de despregar a nosa aplicación.
-Usar compoñentes externos sen comprobar
Mostrarase o risco de usar librerías antigas ou sen revisar.
-Validación de entradas
Como protexer a nosa aplicación de datos malintencionados con métodos simples que nunca máis deixaremos pasar por alto.
-Erros e fugas de información en logs
Amosaranse os riscos de dar demasiados detalles nas mensaxes de erro.
-Que é CSRF e porqué importa
Aprenderase como evitar que un atacante faga peticións en nome dos usuarios sen que eles o saiban.
-Como xestionar sesións sen que nolas rouben
Neste curso explicaranse os riscos aos que nos expón unha sesión mal xestionada (como
deixar as chaves na porta).
-Como cifrar e protexer datos sensibles
Veranse formas sinxelas e efectivas para que ninguén poida ler información crítica aínda que entre ao noso servidor.
-Protección contra ataques de forza bruta
Descubriranse técnicas doadas para impedir que alguén entre na nosa aplicación probando contrasinais sen parar ata acertar.
O formador
A persoa encargada de impartir estes e outros contidos será Daniel García, que leva máis de 20 anos “dándolle guerra” ao código inseguro, ás APIs vulnerables e “a calquera cousa que cheire a problemas en ciberseguridade”. É arquitecto de Seguridade especializado en APIs REST, investigador independente e ten fundado varias iniciativas e ferramentas de seguridade que é posible que usemos acotío e non saibamos. Colaborou con multinacionais, startups, bancos, consultorías e ata en hackathons como xurado. Asesorou a empresas que manexan miles de millóns de euros en activos e, tamén, estivo detrás do código de plataformas que usan millóns de usuarios en tempo real. Usa un método é sinxelo libre de discursos teóricos, cre que a seguridade non ten por que ser nin aburrida nin complicada, senón tremendamente efectiva.
