En xullo, Vitae pon o foco nas vantaxes do autocoñecemento persoal e profesional
martes, 10 de xuño do 2025
A galega Vitae segue adiante subministrando recursos formativos avanzados que nos axuden a avanzar no camiño da excelencia profesional e empresarial. No catálogo de cursos para este verán a consultora tecnolóxica inclúe a quinta edición dun curso que nos capacita para calibrar as nosas capacidades e limitacións e tamén as do noso equipo de traballo. Estamos a falar do curso Auto Coñecemento do Perfil Profesional, Psicoloxía do Traballo, de 12 horas de duración. Desenvolverase en formato de aula virtual con clases en directo recuperables os días 14, 16, 21 e 23 de xullo.
Esta actividade formativa vai directa a corrixir unha eiva importante a nivel formativo e profesional: a inexistencia de ferramentas e metodoloxías psicolóxicas básicas e útiles que nos axuden a coñecernos a nós mesmos.
Segundo explica Vitae, o primeiro paso para emendar a dita eiva é afondar no autocoñecemento (imprescindible para traballar de maneira axeitada en equipo). “Coñecernos a nós mesmos facilitará a comprensión do noso perfil profesional e dos perfís profesionais diferentes ao noso, o que mellorará a comunicación e a colaboración, xa que se entenderán as intencións e motivacións reais das persoas con diferentes perfís, diminuíndo os conflitos debido a unha incorrecta interpretación na comunicación con outras persoas”.
En definitiva, neste curso proporcionaranse estas ferramentas para o autocoñecemento con vistas a ter unha perspectiva baseada na ciencia para marcar as pautas dun correcto camiño profesional e do traballo en equipo.
Os obxectivos desta actividade formativa son os seguintes: elaborar unha descrición baseada na Ciencia do Perfil do Comportamento Profesional, proporcionar un método eficaz para o autocoñecemento e o autoliderado, proporcionar ferramentas para traballar en equipo xestionando as expectativas e os conflitos.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.