Energy Sistem pon á venda unha batería externa de 10.000 mAh e carga rápida

luns, 8 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Esta batería externa de 10.000 mAh pode cargar ata 2 dispositivos á vez

As baterías integradas de moitos dos nosos dispositivos electrónicos dificultan ter unha boa autonomía cando estamos lonxe de tomas de corrente durante toda a xornada, en desprazamentos ou cando imos de vacacións, para o que fabricantes como Energy Sistem comercializan baterías externas como a Energy Extra Battery 5200, que facilitan a carga de móbiles, tablets, reprodutores multimedia e moitos outros trebellos, pero que pode non chegar a usuarios que fagan moito uso dos seus dispositivos ou viaxen moito, de aí que agora teñan tamén dispoñible un modelo con case o dobre de capacidade, a Energy Extra Battery 10000, que por 49,90 euros ofrece 10.000 mAh de capacidade.
Esta batería externa conta con 2 saídas USB para cargar ata 2 dispositivos simultaneamente, incluíndo tamén 8 conectores intercambiables para poder empregar esta solución de carga en mobilidade coa meirande parte de trebellos posible. A batería pode manter o 95% da carga ata 30 días, conta cun indicador de carga LED e as súas saídas poden achegar ata 2.000 mAh, polo que permitirían unha carga máis rápida que outros produtos semellantes (dobrando a velocidade do seu irmán pequeno).

A batería externa conta con indicadores LED para saber da súa autonomía restante

PUBLICIDADE