Entregados os carnés de ciberexpert@s a 17 rapaces do CEIP Manuel Mallo

martes, 22 de febreiro do 2022 S. P.

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, participou este martes 21 de febreiro na entrega dos carnés de expertos en protección online aos alumnos e alumnas do CEIP Manuel Mallo Mallo (Nadela, Lugo) que participaron no curso de ciberseguridade impartido pola Policía Nacional. Segundo dixo, a formación é hoxe “o medio máis eficaz para para a prevención deste tipo de delincuencia”, un novo ámbito criminal centrado nas novas tecnoloxías da información que segue escalando cotas de incidencia. De feito, sinalou, na provincia de Lugo medraron un 43,9% as estafas informáticas.
No acto, convidou ao alumnado do CEIP a “facer un uso seguro das redes sociais, protexendo sempre datos e intimidade e denunciando calquera situación de abuso da que poidan ser vítimas”. No acto tamén participaron o comisario xefe de Operacións, Luís Miguel Romeira, e o delegado de Participación Cidadá da Policía Nacional, Rubén Darío Veiga.
Isabel Rodríguez reiterou o importante aumento que está a experimentar a ciberdelincuencia, polo que considerou “de gran importancia” a actividade que están a levar a cabo as forzas de seguridade do Estado en centros escolares da provincia para informar os mozos dos riscos que comporta o mal uso das redes sociais e da navegación por Internet.
A subdelegada alertou de que a ciberdelincuencia é un fenómeno en alza desde o comezo da pandemia como se constata no Balance de Criminalidade de 2021 que acaba de facer público o Ministerio do Interior.
No caso da provincia de Lugo, no último ano rexistráronse 1.953 estafas informáticas, o que supón un aumento do 43,9% respecto de 2020, cando se denunciaron 1.357.
Rodríguez destacou que as Forzas de Seguridade do Estado están a reforzar a loita contra este tipo de delitos “coa incorporación de grupos de investigación especializados”, pero considerou “fundamental” que os cidadáns estean alerta para evitar ser vítimas dos ciberdelincuentes.
Para a subdelegada, a mocidade é “un colectivo especialmente sensíbel” e, por iso, opina que “é moi útil a formación que ofrecen aos escolares a Policía Nacional e a Garda Civil dentro da programación do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e os seus contornos”.
A subdelegada participou este martes na entrega de carnés de ciberexpert@s a 17 alumnos de 6º de Primaria do CEIP Manuel Mallo que asistiron a un destes cursos, que foi impartido pola Policía Nacional.
Neste curso escolar, a Policía Nacional xa leva impartidas en Lugo 131 charlas e previu realizar outras 110 sobre temáticas como os riscos de Internet, acoso escolar, violencia de xénero, drogas e outras adicións e delitos de odio. Estímase que participarán nelas un total de 7.000 alumnos, 260 profesores e 178 nais e pais.

PUBLICIDADE