Entregados os premios do concurso de ideas para o novo edificio do CITIC

mércores, 15 de decembro do 2021 S. P.

Este mércores 15 celebrouse a entrega de premios do concurso de ideas que convocou a Universidade da Coruña para elixir o deseño arquitectónico que terá o novo edificio do Centro de Investigación TIC da UDC na Cidade das TIC. Interviñeron os representantes das principais entidades que apoian a dita iniciativa tecnolóxica: o reitor Julio Abalde, o conselleiro de Economía da Xunta, Francisco Conde, e o concelleiro de Urbanismo da Coruña, Juan Manuel Díaz Villoslada. Tamén fixeron acto de presenza a vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade da UDC, Amparo Casares, e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo.
No acto, como dixemos, participou o conselleiro de Economía Francisco Conde, quen dixo que o proxecto gañador “é unha proposta que conxuga á perfección funcionalidade e sustentabilidade”. Tamén tivo palabras para louvar a Cidade das TIC (o proxecto actualmente en marcha para converter a antiga Fábrica de Armas na Coruña nun gran polo de coñecemento e emprendemento tecnolóxico-dixital), que “exemplifica a posta de Galicia pola transferencia de coñecemento á industria e ás pemes”.
O novo edificio do CITIC situarase nos terreos da antiga Fábrica de Armas da Coruña como centro I+D+i e nodo de Intelixencia Artificial, ofrecendo ademais formación especializada nestes ámbitos. Será, en palabras do Centro de Investigación TIC, “un elemento arquitectónico relevante que representará á Universidade e que priorizará a condición sustentábel do edificio e a súa contorna”.
No concurso de ideas convocado pola UDC recibíronse preto dunha vintena de propostas de gran calidade, entre as que o xurado elixiu os tres primeiros premios e un accésit.
O primeiro premio foi para o proxecto GAIA0101, proposto polo equipo integrado por Guadalupe Piñera, Jesús Irisarri, Enrique Blanco, Patricia Sabín e Joaquín Martín. Constitúese como “un espazo multiuso colectivo de transferencia do coñecemento, un fito de beleza cúbica e alta funcionalidade no que prima a sustentabilidade e no que se integran arquitectura, cidade e natureza”.
TICA0021, desenvolvido por Santiago Barge en colaboración con Belén Bouza e Guillermo Lozano obtivo o segundo premio. Trátase dunha intervención de impacto ambiental mínimo a través da superposición dunha trama abstracta, un elemento estrutural de madeira laminada.
Pola súa banda, FITO2022, de Alejandro Rodríguez en colaboración con María Mera e Martín Álvarez, acadou o terceiro premio, propoñendo “un entorno ordenado no que se estende a paisaxe cara ao interior do edificio”.
Finalmente, o xurado concedeu un accésit a CTIC2030, de Gustavo Figueira en colaboración con Diego Díaz e Javier Pombar, que presentaron “un proxecto flexíbel de espazos diáfanos nun elemento altamente recoñecido na paisaxe”.

PUBLICIDADE