Entrevista ao blogueiro Francis Pisani en La Voz de Galicia
luns, 27 de abril do 2009
Hai días nos que atopar novas que non
falen da crise, do paro, da burbulla inmobiliaria ou doutros temas que non fan
máis que estragarnos o día pola súa carga de negatividade, é case unha misión imposible;
e aínda moito máis se o que queremos é estar ao día no tocante ao que se coce
en torno ás novas tecnoloxías pois a tarefa complícase aínda moito máis se
cabe, posto que estes temas non interesan tanto como as vitorias de Nadal, o
transcorrer da liga de fútbol ou a visita de Sarkozy e máis da súa bela señora
a España. Porén desta volta, tivemos algo máis de sorte e non puidemos evitar
un sorriso de satisfacción ao decatarnos que o xornal dixital La Voz de Galicia vén
de publicar unha entrevista ao renomeado blogueiro Francis Pisani, o que xa
é coñecido como o “gurú das novas
tecnoloxías”.
Este xornalista e escritor nacido en
París en 1942, vén de publicar A alquimia
das multitudes. Cómo a web está a cambiar o mundo (Paidós), unha estrea que
coincide co 20 aniversario da web e co xurdimento dunha nova revolución “na que os internautas se veñen de converter
en protagonistas”.
Así definen no xornal galego á nova era
na que a Rede é o medio de comunicación por antonomasia, unha ferramenta que
Pisani defende fronte aos que din que “é
o peor, que é unha renuncia á individualidade e que se trata dunha especie de
maoísmo dixital”. Nembargantes, o autor tamén argumenta motivos en contra
dos que cren que “a Rede é perfecta”, asegurando que, “hai que recoñecerlle as súas grandes virtudes, pero tamén os seus
riscos”.
A entrevista prosegue coa definición, por
parte do blogueiro, do substantivo webactores,
unha verba que non fai máis que definir o que é hoxe en día un internauta
activo nas redes sociais, onde se convirte en produtor dos seus propios
contidos.
Pisani tamén cita os principais riscos de
Internet, as vantaxes de ferramentas como a Wikipedia, ou a expansión das redes
sociais e, en concreto, refírese a Facebook pola polémica xurdida en torno á
intención da mesma de ser “dona” dos
datos que os usuarios poñían nos seus perfís, algo que enfadou notablemente á
comunidade intenauta.
