Enxeñaría de Telecomunicación (UVigo) recibe este sábado 80 nenas dispostas a converterse en tecnólogas

venres, 21 de marzo do 2025 S. P.

80 nenas de entre 4 e 16 anos chegadas de toda a provincia vivirán este sábado unha xornada especial na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Son as 80 cativas e mozas que conseguiron praza para participar nalgún dos obradoiros de Oracle4Girls, unha iniciativa da empresa Oracle que xa pasou por distintos puntos do país e que agora chega a Vigo disposta a seguir aumentando o interese das rapazas polas denominadas disciplinas STEM (siglas de Ciencia, a Tecnoloxía, a Enxeñería e as Matemáticas).
“Para nós é moi importante achegar as tecnoloxías dunha forma divertida e amena ás xeracións máis novas e nesta liña vimos traballando no centro desde hai uns anos”, explica a directora da escola Rebeca P. Díaz, quen desde o primeiro intre agradeceu a oportunidade que lles brindou Oracle de poder colaborar cunha actividade “tan exitosa”. Avalados por unha longa experiencia na organización deste tipo de talleres para alumnado infantil e xuvenil, na ETT puxéronse mans á obra desde o primeiro día, para o que contarán coa colaboración do centro de investigación atlanTTic.
A resposta da cidadanía foi moi relevante e en poucos días cubríronse as prazas, sobre todo no grupo das idades máis temperás (4-6 anos e 7-9 anos), onde quedaron fóra moitas cativas interesadas en participar, polo que “se temos a oportunidade de participar en máis edicións intentaremos ampliar as prazas”, explicou a directora.
Os obradoiros da franxa de idade máis alta (13 a 16 anos) serán impartidos por rapazas que están estudando na EET, que se formaron no centro para poder guiar as dúas actividades que farán o sábado.
Con esta iniciativa, posta en marcha en 2017, a empresa Oracle busca intentar mellorar a presenza de mulleres nas titulacións STEM para que a longo prazo supoña un reflexo de equidade nas profesión relacionadas coa tecnoloxía. “Desde o noso punto de vista facer que as nenas e as rapazas se interesen desde moi novas por estas tecnoloxías pode axudar a que poidan considerar como unha opción, chegado o momento de iniciar a súa formación universitaria, os estudos de enxeñaría en xeral, e os de Enxeñaría de Telecomunicación en particular”, remarca a directora da escola viguesa, quen agarda poder repetir esta experiencia axiña.
O programa inclúe, ademais, espazos de diálogo para os familiares co fin de involucrar a toda a familia no proceso educativo e de inspiración. Serán no salón de graos de 10.30 a 12.30 horas e inclúen dúas charlas, unha sobre onde está e para que se usa a información cando vai para a nube e, outra, sobre seguridade nos dispositivos móbiles.