España sitúase a cabeza de Europa na resposta á publicidade móbil
venres, 28 de setembro do 2007
Polo visto a dieta mediterránea
ten múltiples consecuencias sobre os españois, e non é o a pesca o único trazo
cultural que os relaciona, xa que, como proba un estudo, os cidadáns do Estado
son os que “mellor responden á
publicidade no móbil” de Europa ou, dito doutro xeito, os que máis “pican”
cando de anuncios no móbil se trata. Segundo a nova publicada por Baquia.com,
múltiples estudos coinciden en que España “vai
ben” (ou polo menos neste sector), e destacan o “bo intre para o marketing e a publicidade móbil” que se está a dar
dentro das fronteiras do país, laudo que
o sitúa na vangarda europea novamente e noutra cousa distinta ó consumo de
cocaína.
Dos múltiples estudos citados na
nova en cuestión, poderíamos destacar unha serie de datos que estas investigacións
achegan. En primeiro lugar, nada menos que nove de cada dez usuarios de móbil
estarían dispostos a recibir publicidade no seus teléfonos a cambio de descontos
nas súas facturas, ou puntos para trocar por produtos cos seus operadores. En
segundo lugar, outro estudo asegura que o investimento total europeo neste tipo
de “servizo” á comunidade subirá dende os 382 millóns de dólares investido en
2006 até case dez veces máis en 2011. Isto non sería nada sen un terceiro e
definitivo estudo, que coloca a España definitivamente no manual do perfecto
parvo, xa que indica que un 50 por cento dos cidadáns do país recibiron
publicidade no móbil e contrataron o servizo ou ben mercaron o obxecto
promovido.
O que non deixa de ser abraiante é que nestas investigacións sinálase que os que menos “pican” son os estadounidenses, xa que os queridos devoradores de flocos de millo só caen nun 17 por cento das xogadas de estimulo-resposta telemáticas, seguidos dos ingleses que só “pican” nun 27% dos casos. Porén, a cousa vai estar rifada entre os latinos, xa que tanto franceses coma italianos roldan a nosa marca, situándose entre o 44 e 45 por cento. Cantas cousas podemos inferir deste tipo de estudios!