Especialistas TIC abordan este venres en Santiago as vantaxes e eivas das redes sociais en materia de seguridade

xoves, 27 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

O CPETIG celebrou recentemente en Santiago un seminario sobre certificados dixitais

As redes sociais achegan grandes potenciais de comunicación, tanto a nivel persoal como empresarial ou mesmo institucional. Porén, tamén poñen de manifesto certas eivas no eido da seguridade dos datos que cómpre ter en conta e, de contarmos co coñecemento axeitado, prever e solucionar. Co obxectivo de poñernos ao tanto sobre o regulamento existente e sobre as vantaxes e eivas das redes sociais en materia de salvagarda da información, o CPETIG organiza este venres 28 unha nova actividade formativa. A actividade, que se desenvolve baixo o epígrafe A Lei Orgánica de Protección de Datos e as Redes Sociais, vén da man do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia e máis da Secretaría Xeral de Modernización, sendo unha das iniciativas incluídas no convenio asinado por ámbalas dúas entidades. O evento contará coa presenza de José María Lozoya, Ricard Martínez e Álvaro Gómez Vieites.
Lozoya, licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago e máster en Dereito das Telecomunicacións pola Universidade de Comillas, falará sobre os nosos dereitos legais perante as plataformas tecnolóxicas de tipo social, tipo Facebook, Twitter ou Tuenti.
Ricard Martínez Martínez, doutor en Dereito pola Universitat de Valencia e profesor de Dereito Constitucional nesa mesma universidade, incidirá na seguinte cuestión: Os conflitos na aplicación de Lei de Protección de Datos nas redes sociais.
Pola súa parte, Álvaro Gómez Vieites, profesor asociado na Escola de Negocios Novacaixagalicia e co-autor do libro Redes sociales en la empresa. La revolución e impulso a nivel empresarial y profesional, afondará no seu relatorio na seguinte cuestión: Os meus datos persoais nas redes sociais. Consecuencias dun uso inapropiado e novas ameazas á seguridade.
O seminario servirá, entre outras cousas, para debater sobre o tratamento dos datos persoais que se fai por parte das redes sociais, así como as posibles consecuencias do uso inapropiado deses datos, e os dereitos legais das persoas ante as propias redes sociais. A xornada realizarase na Aula Centro Multimedia de Galicia en Santiago de Compostela (Rúa do Hórreo 61) e emitirase por videoconferencia aos telecentros de Coruña (Rúa Miguel González Garcés 1), Lugo (Centro Social Lamas de Prado. Praza de Castiñeiro s/n), Ourense (Rúa do Progreso 44) e Vigo (Rúa de Oporto 1). Os asistentes nos distintos telecentros poderán participar no seminario realizando preguntas ou comentarios aos relatores.
O seminario desenvolverase en horario de tarde (de 16:00 a 20:00 h) e para apuntarse é preciso cumprimentar unha inscrición indicando, ademais dos datos persoais, o telecentro ao que se desexa asistir. O formulario para inscribirse neste seminario deberá ser remitido por e-mail a seminariolopd@cpetig.org ou por fax ao 981 937 831. Poderemos atopar máis información na web do CPETIG.