Esta semana entréganse os premios do concurso de ideas do novo edificio do CITIC na Cidade das TIC

luns, 13 de decembro do 2021 S. P.

Este mércores 15 de decembro celebrarase na Coruña a xornada de entrega de premios do concurso de ideas de arquitectura convocado pola UDC para o novo edificio do CITIC na Cidade das TIC, o proxecto estratéxico para crear un polo TIC e de innovación dixital a través da conversión da antiga Fábrica de Armas nun gran espazo de coñecemento avanzado e emprendemento.
No acto intervirán representantes das principais entidades que apoian a iniciativa da Cidade das TIC, entre os que atoparán o reitor da UDC, Julio Abalde, o conselleiro de Economía da Xunta, Francisco Conde, e o concelleiro de Urbanismo da Coruña, Juan Manuel Díaz Villoslada. Tamén participarán na cita a vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade da UDC, Amparo Casares, e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo.
No evento, os diferentes equipos gañadores presentarán os proxectos premiados e, ademais, poderán contemplarse as maquetas dos mesmos no hall do CITIC.
O novo edificio do CITIC situarase nos terreos da antiga Fábrica de Armas da Coruña como centro I+D+i e nodo de Intelixencia Artificial, ofrecendo ademais formación especializada nestes ámbitos. Serén palabras do Centro de Investigación TIC, “un elemento arquitectónico relevante que representará á Universidade e que priorizará a condición sustentábel do edificio e a súa contorna”.
No concurso de ideas convocado pola UDC recibíronse preto dunha vintena de propostas de gran calidade, entre as que o xurado elixiu os tres primeiros premios e un accésit. Entregaranse un total de 37.000 € en premios: 20.000 € para o primeiro premio, 10.000 € para o segundo e 7.000 € para o terceiro.
O primeiro premio foi para o proxecto GAIA0101, proposto polo equipo integrado por Guadalupe Piñera, Jesús Irisarri, Enrique Blanco, Patricia Sabín e Joaquín Martín. Constitúese como “un espazo multiuso colectivo de transferencia do coñecemento, un fito de beleza cúbica e alta funcionalidade no que prima a sustentabilidade e no que se integran arquitectura, cidade e natureza”.
TICA0021, desenvolvido por Santiago Barge en colaboración con Belén Bouza e Guillermo Lozano obtivo o segundo premio. Trátase dunha intervención de impacto ambiental mínimo a través da superposición dunha trama abstracta, un elemento estrutural de madeira laminada.
Pola súa banda, FITO2022, de Alejandro Rodríguez en colaboración con María Mera e Martín Álvarez, acadou o terceiro premio, propoñendo “un entorno ordenado no que se estende a paisaxe cara ao interior do edificio”.
Finalmente, o xurado concedeu un accésit a CTIC2030, de Gustavo Figueira en colaboración con Diego Díaz e Javier Pombar, que presentaron “un proxecto flexíbel de espazos diáfanos nun elemento altamente recoñecido na paisaxe”.

PUBLICIDADE