«Estamos orgullosos de ter creado unha operadora dende a nosa casa, Ribeira» – Javier Fontaíña (Toxo Telecom)

venres, 12 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

A mascota de Toxo, Marichari, na mesmísima porta de entrada da pasada edición do Mobile World Congress de Barcelona

Toxo Telecom é unha operadora galega posta en marcha en 2018 por tres emprendedores procedentes de diversas profesións (un enxeñeiro en Telecomunicación, un administrativo e un deseñador) pero co nexo común de facer cousas novas, de innovar e de demostrar que máis alá das grandes capitais e dos centros tecnolóxicos mundiais, tamén se pode estar na vangarda dos servizos da comunicación móbil. No caso concreto de Toxo Telecom, nada máis e nada menos que dende Ribeira. Falamos con Javier Fontaíña Falque, administrador da empresa.

Que foi o que vos levou a poñer en marcha unha operadora de telecomunicacións e telefonía? Vistes que era necesario, que había que ofrecer un servizo máis próximo, local e inmediato entre tantas empresas que, malia ser de comunicacións, semellan estar cada día máis incomunicadas con respecto aos seus clientes?
-Cando naceu Toxo, o que estabamos barallando nos inicios era a distribución dun operador xa existente. Pensamos niso para ampliar os servizos nunha empresa que xa tiñamos e que daquela posuía un local no centro de Ribeira. Dándolle voltas démonos conta que tiñamos a "receita" para crear un Operador Móbil Virtual propio: un enxeñeiro de Telecomunicación, un técnico en Administración e Finanzas, un deseñador gráfico para temas de imaxe, oficinas, medios e coñecementos no sector.

-Para que o saiban os lectores de Código Cero, que é o que ofrecedes dende Toxo Telecom exactamente?
-En Toxo Telecom polo de agora ofrecemos servizos de telefonía móbil, con tecnoloxía 4G en todo o territorio nacional. Con todo, estamos estudando ampliar a oferta de produtos de telefonía fixa e vender así unha solución converxente con catro servizos principais: TV, móbil, fixo e internet, como ofrecen os grandes operadores.

-Ribeira, a vosa sede de operacións, non adoita estar entre os centros de actividade referenciais da industria das novas comunicacións e das novas tecnoloxías. É unha cidade puxante economicamente, pero máis centrada (por tradición) nas actividades relacionadas co mar, directa e indirectamente. Credes que a cousa está cambiando? Sentídesvos, dende Ribeira, lonxe do epicentro da actividade tecnolóxica, con algún que outro atranco no camiño, ou considerades que non tendes ningún obstáculo para a vosa actividade e o voso crecemento?
-A verdade que nós pensamos que si que está cambiando, non a pasos axigantados, pero as novas xeracións buscan todo tipo de saídas profesionais, algúns e algunhas emprendendo, outras e outros por conta allea, en Ribeira ou indo a grandes cidades. A verdade é que nos teriámolo máis fácil para medrar e darnos a coñecer se estiveramos nunha cidade, pero por outra parte tamén serían precisos máis medios, sobre todo económicos, por temas de aluguer máis que nada. Hoxe en día a vantaxe que temos tamén é a venta online e as ofertas de servizos loxísticos que existen. Isto permítenos que unha persoa de calquera punto do territorio nacional nos coñeza, contrate ou contacte con nós e o día seguinte ten xa a súa SIM na porta da casa. Aínda que crezamos máis amodo, estamos contentos e orgullosos de ter creado esta empresa na nosa “casa”, Ribeira, crear emprego aquí, e que se vexa, como falabamos antes, que temos máis que mar e mariñeiros, aínda que son as nosas raíces e tradicións, os tempos cambian e a nosa cidade medra.

-Amais de achegar servizos de telefonía, tendes proxectado ampliar o paquete de solucións que ofreces á clientela? Algunha novidade este 2019 que queirades destacar?
-Como xa comentamos antes, queremos dar una converxencia baixo a marca Toxo, pero non é un traballo sinxelo. Estamos a traballar xa nunha plataforma de televisión e coas negociacións para a venta de fibra FTTH. Pero non temos aínda data para o peche destes temas e o lanzamento dos servizos.

-A maiores dos clientes locais de Ribeira e a súa contorna, onde máis tendes mercado? Operades en todo o territorio estatal e con tecnoloxía 4G? Cal sería a vosa porcentaxe de cobertura?
-A maior parte das e dos clientes de Toxo non están na comarca, están repartidas e repartidos, aínda que maiormente a nivel autonómico, a nivel estatal, incluíndo as Illas Canarias, Madrid, Barcelona, Sevilla, e mesmo temos varios clientes nalgúns países da CEE, iso si, todos teñen algún tipo de relación con Galicia.

-Diciades nunha entrevista recente que sodes quen de ofrecer a tarifa móbil máis vantaxosa e económica do mercado actual. Concretamente, tendes unha tarifa que ofrece 30 GB de datos e chamadas ilimitadas a móbiles e fixos dunha ducia países por só 24,95 euros. É certo isto?
-Esa entrevista foi o ano pasado, nesa data fomos quen de sacar a mellor tarifa de telefonía móbil do mercado en España, actualmente segue sendo a tarifa máis competitiva en relación calidade/prezo, aínda que hai compañía que xa sacaron tarifas de ata 100Gb.

PUBLICIDADE