«Este é un recoñecemento a todo o meu laboratorio» – Nieves Brisaboa, Premio Nacional de Informática

mércores, 26 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

A investigadora do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, Nieves Rodríguez Brisaboa, vén de recibir un moi relevante recoñecemento ao seu labor e contribucións: o Premio Nacional de Informática, concedido pola Sociedade Científica Informática de España (SCIE) e a Fundación BBVA. Falamos con ela sobre a distinción (un dos máis prestixiosos galardóns estatais do ámbito das tecnoloxías da información) e do importante traballo que hai detrás (o do Laboratorio de Bases de Datos, LBD, adscrito ao CITIC). Asemade, Nieves lémbranos a importancia de seguir traballando para tirar abaixo, até facelos desaparecer, os prexuízos e estereotipos que arrendan as mozas da Enxeñaría en Informática.

-Que representa para Nieves Brisaboa esta distinción?
-O premio é o recoñecemento a un traballo de moitos anos que ten conseguido un impacto real na sociedade a través dunha efectiva transferencia de tecnoloxía a empresas e institucións. Trátase, por tanto, dun recoñecemento moi importante porque se concede por ter resultados de investigación relevantes no plano aplicado que ademais se teñen aplicado con éxito no mundo real. Evidentemente, un traballo de transferencia de tecnoloxía, e máis en informática, non se pode facer en solitario, este e un premio a todo o meu laboratorio, que é un grupo de investigación excelente pola súa calidade humana ademais de polos seus resultados globais recoñecidos neste premio.

-Á hora de concederlle o premio, o xurado do galardón tivo en conta os seus traballos de investigación e innovación relacionados coa xestión da información, un labor que vostede realiza en boa medida no Laboratorio de Bases de Datos (LBD), adscrito ao CITIC. En que consiste este labor seu de investigación?
-No meu grupo de investigación, o LBD adscrito ao CITIC, centro de excelencia en investigación en informática, desenvolvemos diferentes liñas de investigación, algunhas de corte bastante teórico (deseño de estruturas de datos compactas e algoritmos), e outras tremendamente aplicadas (Sistemas de Información Complexos, Bibliotecas Dixitais, Sistemas de Información Xeográfica), ademais de desenvolver ferramentas de Enxeñaría do Software e axilizan a creación de aplicacións robustas.

-Son tan importantes os datos como se di? Poden amañar as desigualdades e os problemas ambientais nos que por desgraza estamos mergullados e dos que non vemos saída?
-A día de hoxe a tecnoloxía permite recopilar datos e almacenalos nunha cantidade, e a unha velocidade que teñen roto as previsións mais aventuradas. Isto é posible porque a meirande parte destes datos proporcionámola nós como usuarios de aplicacións web e redes sociais, mais tamén como consumidores (transaccións coas nosas tarxetas de crédito). Non esquezamos ademais que estamos a entrar de cheo no mundo onde Internet non so é usado por persoas senón tamén por dispositivos (o que se chama IoT ou Internet das Cousas, coas siglas en inglés). Así, moitos destes datos xéranse por dispositivos de todo tipo, sensores do noso consumo de luz, por exemplo, que mandan a información vía Internet á nosa compañía eléctrica). O grande salto vén de que o cruce de todos eses datos permite establecer perfiles de usuario, o que xera novos negocios orientados ao marketing on-line, a xestión da reputación en rede, e un longo etcétera de novas aplicacións que dunha banda requiren avances tecnolóxicos e doutra xeran servizos que ata o de agora non imaxinabamos.
Non creo que a simple capacidade tecnolóxica de producir, xestionar e analizar eses datos vaia facer que a nosa sociedade sexa peor ou mellor, pero desde logo sería preciso facer unha sosegada reflexión sobre a influencia que van ter (que xa están a ter) na desaparición de moitos tipos de empregos tradicionais, por exemplo, e nas posibilidades que abren, porque igual sería preciso que estiveramos politicamente preparados para afrontar eses cambios do mellor modo posible.

Sede do Centro de Investigación TIC

-Vostede é muller e recibiu un importante recoñecemento do eido TIC. Que ten que dicir con respecto a todos os atrancos que teñen as mulleres, mesmo na teoricamente avanzada sociedade actual, para poder encarreirar unha formación tecnolóxica e, en consecuencia, unha profesión tecnolóxica?
-É terrible ver que poucas rapazas elixen careiras tecnolóxicas en xeral e informática en particular. Penso en todo o talento que perdemos só porque desde a sociedade non se anima ás rapazas a orientarse nesta dirección. Teño que dicir que un/unha boa profesional en informática precisa ter cualidades moi ligadas ás tipicamente femininas: capacidade de traballo en equipo, de interese polo que outros fan e precisan, capacidade de poñerse nos zapatos do usuario para deseñar solucións axeitadas, creatividade, minuciosidade... Por tanto, non hai ningunha razón obxectiva que faga que as mulleres teñan un peor desempeño que os homes en informática, e de feito non o teñen. O problema é que non se achegan xa a esta profesión. Realmente sería de utilidade que desde a escola as animasen a ver o seu potencial persoal para esta profesión.
Creo que en informática as mulleres non temos atrancos, simplemente hai prexuízos previos. Aporto un dato: cando eu estudaba informática o 30% aproximadamente eramos mulleres. Daquela, a carreira era una licenciatura que se percibía como unha especie de carreira de empresariais pero cunhas máquinas específicas (quizais isto era unha herdanza de que cando se traballaba con fichas perforadas había unha profesión denominada “perforista” onde traballaban moitas mulleres). Cando o nome da carreira mudou a Enxeñaría informática, sen modificarse nin o plano de estudos nin o profesorado, a porcentaxe de alumnas caeu radicalmente en todas as universidades.

-Cales son, logo deste premio e con vistas ao vindeiro curso, os deberes que vai afrontar no futuro (a curto e medio prazo) Nieves Brisaboa?
-Realmente pouco vai cambiar. Eu, con todo o LBD, seguiremos a traballar coma sempre, tentando superarnos e facelo mellor cada día. Iso si, farémolo coa satisfacción de que o noso traballo é recoñecido a nivel estatal o que resulta enormemente gratificante.
Non quero acabar esta entrevista sen explicar que nin o meu traballo nin o meu grupo están nun deserto illado senón que forman parte dun tecido científico de enorme calidade que naceu na facultade de informática da UDC e se aglutina entorno ao Centro de Investigación TIC. Como mostra da calidade do traballo global do CITIC hai que mencionar que xusto o ano pasado recibiu tamén este premio o meu compañeiro Ramón Doallo, director doutro grupo de investigación do CITIC. Asemade, David Vilares foi condecorado co Premio Jóvenes Investigadores Informáticos.

Xestión e transferencia

Nieves Rodríguez Brisaboa é catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidade da Coruña e investigadora principal do Laboratorio de Bases de Datos (LBD), adscrito ao CITIC. O xurado desta terceira edición dos Premios Nacionais de Informática recoñeceu á investigadora do CITIC co Premio Ángela Ruiz Robles “polos seus traballos de investigación e innovación relacionados coa Xestión de Datos, así como as súas iniciativas nos eidos da transferencia de coñecemento en relación con empresas e institucións públicas e a creación de empresas de base tecnolóxica”.

Investigadores do CITIC premiados na edición anterior

A liña de recoñecementos recibidos pola SCIE é unha liña de continuidade con respecto ao CITIC. Así, na edición anterior, en 2018, o investigador do CITIC Ramón Doallo recibiu o Premio Nacional de Informática “polas súas sobresaíntes contribucións á arquitectura e á tecnoloxía de computadores” e “pola súa intensa actividade de transferencia dos resultados ao sector empresarial e o seu recoñecido liderado científico”.
Pola súa banda, o investigador David Vilares foi condecorado co Premio Jóvenes Investigadores Informáticos “polas súas destacadas contribucións á investigación en técnicas e algoritmos para o procesamento da linguaxe natural, con especial énfase na súa aplicación ao análise de sentimentos en redes sociais”.

PUBLICIDADE