Este sábado temos unha nova cita nas Pontes coa impresión 3D

martes, 21 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

Co inicio do ano volve coller o impulso o espírito argalleiro galego envorcado nas novas (e colaborativas) formas de facer tecnoloxía. Pola banda das Pontes, a Asociación Amigus infórmanos de que xa está convocada, para este sábado 25, unha nova edición dos seus Amigus Labs. O plan de traballo é o seguinte: ao abeiro desta nova quedada maker, darase continuidade á montaxe da impresora 3D de gran formato comezada en anteriores quedadas, para o que se contará (este sábado) coa axuda de Álvaro Rey, da comunidade MakerGal.
A xuntanza deste 25 de xaneiro preséntase como unha boa oportunidade para coñecermos os detalles dunha impresora 3D de envergadura, como funciona, como se monta e de que partes se compón cada unha das súas pezas.
A cita completarase cunha xornada de portas abertas, ideal para as argalleiras e argalleiros que queiran coñecer como funcionan os Fab Lab de Amigus, as actividades que se programan ou que maneiras existen de colaborar.
A asociación tamén quere facer saber que neste punto de inflexión entre 2019 e 2020 déuselle un importante impulso ás capacidades do obradoiro, que foi obxecto de medre e optimización: dende o mes de decembro estase a traballar na electrónica da cortadora CNC e na montaxe, como dixemos, de impresoras de gran formato.
Para asistir á cita deste sábado só é necesario que reservemos a nosa praza enviando un correo electrónico á conta amigus@amiguslabs.org (o horario é de 10:00 a 14:00 en Amigus Labs na Praza do Hospital nº 14, As Pontes).

PUBLICIDADE