Estréase a 8ª xeración de procesadores Intel Core

luns, 21 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Nos últimos meses puidemos ver como AMD daba un importante salto adiante nos seus procesadores e gráficas de xeito que conseguían tras moitos anos nun segundo plano equipararse a Intel mantendo uns prezos máis competitivos, o que tería bastante influencia no feito de que Intel presente agora a súa 8ª xeración de procesadores Core, que chegan para atender a demanda de contidos en 4K, a realidade virtual e outras tarefas esixentes.
A nova familia de procesadores comeza cos destinados a equipos portátiles (ultraportátiles e equipos 2-en-1) que conseguen incrementar o seu rendemento até un 40% con respecto á anterior xeración de procesadores, á vez que incorporan unha nova configuración de catro núcleos e unha microarquitectura con aforro de consumo, ou sexa, que sumaron melloras que fan que os ordenadores portátiles poidan ter cada vez máis potencia sen perder autonomía. Como exemplo, dende Intel aseguran que será posible gozar de até 10 horas de reprodución de vídeo 4K cunha única carga de batería.
Como exemplos das melloras da nova xeración de procesadores aseguran que para editar imaxes os novos Intel Core conseguen mellorar a súa velocidade un 48% fronte aos de 7ª xeración, e no caso da edición de vídeo conséguese que un vídeo que un ordenador de hai 5 anos tardaba 45 minutos en procesar agora estea listo en só 3.
Os procesadores Intel Core de 8ª xeración tamén están preparados para gozar dun xeito máis solvente de contidos en 4K, da realidade mixta que propón Microsoft e incluso de gráficas externas con tecnoloxía Thunderbolt 3. Temos así unha interesante posta ao día dunha familia de procesadores que segue o rumbo trazado pola anterior, para conseguir que traballar coas elevadas resolucións dos novos contidos (tanto en vídeo como en xogos) poida ser cada vez máis asumible.
En setembro comezaremos a ver portátiles coa nova xeración de procesadores de Intel, tendo que agardar un chisco máis para ver a súa chegada a equipos de escritorio. Intel tamén confía que esta familia vaia contar con procesadores de 10 nm (aínda que polo momento mantéñense no proceso de fabricación de 14 nm).

PUBLICIDADE