Europa aproba novas medidas para pór freo a tendas como Shein e Temu

venres, 12 de decembro do 2025 Redacción

A Unión Europea avanza cara á introdución de aranceis sobre os envíos de comercio electrónico de baixo valor procedentes de terceiros países coa decisión adoptada polos Estados membros para aplicar un dereito aduaneiro de 3 euros por artigo aos paquetes de comercio electrónico cun valor inferior a 150 euros, unha medida que entrará en vigor en xullo de 2026.
Segundo explicou o Executivo comunitario, este novo arancel ten como obxectivo reforzar a competitividade das empresas europeas e garantir condicións de competencia máis xustas entre o comercio electrónico e o comercio tradicional. A medida responde ao forte incremento do volume de mercadorías adquiridas en liña e importadas na UE, unha tendencia que levou á Comisión e aos Estados membros a recoñecer a necesidade dunha solución urxente mentres non estea operativo o futuro EU Customs Data Hub, previsto para 2028 no marco da reforma aduaneira europea.
A Comisión e o Consello traballan actualmente para facer posible a aplicación deste mecanismo temporal mediante as modificacións legais correspondentes e o desenvolvemento dun sistema informático que asegure o seu funcionamento efectivo. O réxime permanente de dereitos aduaneiros entrará en vigor unha vez se poña en marcha o EU Customs Data Hub, que integrará de forma completa os novos datos aduaneiros relacionados co comercio electrónico e ofrecerá ás autoridades unha visión global das mercadorías que entran e saen do mercado comunitario.
O arancel temporal de 3 euros por artigo aplicarase exclusivamente aos paquetes enviados directamente aos consumidores desde países terceiros. Esta medida diferénciase da taxa de xestión da UE para envíos de comercio electrónico que se está a negociar en paralelo. Mentres o arancel busca eliminar unha vantaxe competitiva da que gozan actualmente determinados operadores en liña, a taxa de xestión pretende compensar os custos crecente que as autoridades aduaneiras asumen pola supervisión dun fluxo moi elevado de paquetes.
A Comisión subliña que as novas regras aduaneiras propostas na reforma reforzarán a unión aduaneira europea e dotarán os servizos de control de mellores ferramentas para protexer o comercio polo miúdo, o emprego no sector e os consumidores da UE. Trátase, sinala Bruxelas, dun paso clave para garantir un terreo de xogo equilibrado fronte á crecente competencia de plataformas dixitais estranxeiras.
Na actualidade, os envíos cun valor inferior a 150 euros procedentes de terceiros países e destinados directamente a consumidores da UE están exentos de dereitos aduaneiros. A Comisión propuxo eliminar esta exención en maio de 2023 como parte da reforma do sistema aduaneiro. A proposta inicial prevía a súa aplicación a partir de mediados de 2028, pero o Consello aprobou a supresión da exención o 13 de novembro de 2025 e instou a adiantar a súa entrada en vigor a 2026.
Ademais, en febreiro de 2025, a Comisión introduciu nunha comunicación sobre comercio electrónico a idea dunha taxa de xestión a escala da Unión para os envíos directos aos consumidores. Esta taxa foi incorporada polo Consello ao seu mandato negociador en xuño de 2025 e, segundo ese mesmo mandato, debería entrar en vigor en novembro de 2026. Tanto o seu contido definitivo como o calendario de aplicación seguen a ser obxecto de negociación entre o Consello e o Parlamento Europeo no marco dos diálogos tripartidos da reforma aduaneira.