Euskaltel adquire Telecable e afianza a súa arela de crear o gran grupo de cable do norte de España
martes, 16 de maio do 2017- Alberto García Erauzkin e Francisco Arteche, presidente e conselleiro delegado de Euskaltel
O
Grupo
Euskaltel, do que forma parte a nosa operadora de telecomunicacións
R, vén de establecer un acordo con Zegona para a adquisición de
Telecable, operador referente en Asturias. A través do pacto
entre Euskaltel e Zegona, o primeiro dos grupos fíxose co cen por
cen de Telecable, sendo a súa idea, logo da alianza hai un ano e
medio con R, dar forma ao que sería o “grupo de telecomunicacións
líder do norte de España”. Neste intre e despois deste pacto,
Euskaltel ten practicamente cuberta toda a fachada cantábrica e
parte da Atlántica.
A
devandita operación foi aprobada por unanimidade polo Consello de
Administración de Euskaltel e culminará o seu proceso trala
ratificación na vindeira xunta de accionistas do grupo, máis a
aprobación por parte das autoridades de competencia. En palabras de
Euskaltel, “estamos ante un importante fito na historia das
compañías e do propio sector, unha operación que significa a
creación do operador converxente de fibra óptica líder no norte
estatal dentro do mercado das telecomunicacións español”.
Asemade, a compañía vasca non dubida en afirmar que a alianza
formalizada estes días fornece ao Grupo Euskatel, e tamén a cada
unha das marcas que o integran, “de meirandes fortaleza, eficacia e
capacidade de medre, nun sector de gran competencia”.
En
termos máis concretos de servizos e de clientes, a alianza
resultante abranguerá un mercado de 6 millóns de persoas (un 20%
máis), prestando 2,4 millóns de servizos diarios a máis de 800.000
clientes, cun cociente de penetración do 67%.
Euskaltel
tamén lembra que a suma do tres mercados nos que opera o grupo
(Euskadi, Galicia e Asturias) representa o 12,76% da poboación e o
13,34% do PIB do conxunto do Estado. No que atinxe ao eido
financeiro, a operación saldaríase cunha suba de ingresos até os
711 millóns de euros (+24%), cun EBITDA (beneficio
bruto de explotación antes de deducir os
gastos financeiros)
de 346 millóns de euros (+23%).
Segundo
engade Euskaltel, a operación, coma no caso de R, non vai implicar a
desaparición da marca Telecable nin dos seus traballes. En palabras
do grupo, a fronte resultante manterá o carácter local de
Euskaltel, de R e de Telecable en Euskadi, Galicia e Asturias
respectivamente, “o que se traduce na continuidade das súas marcas
e equipos profesionais”.
Máis
cifras
O
valor de Telecable acordado foi de 686 millóns de euros, incluíndo
245 millóns de euros da súa débeda estimada a 30 de xuño de 2017
(que será refinanciada por Euskaltel), cunha contraprestación de
186,5 millóns de euros en efectivo e 26,8 millóns de accións
ordinarias de nova emisión que serán subscritas por Zegona a un
prezo de 9,5 euros por acción (254,6 millóns de euros), o que
representa o 15% do capital social de Euskaltel tras a ampliación de
capital, que terá que ser aprobada pola próxima xunta xeral de
accionistas.