Euskatel fortalece o seu perfil galego co nomeamento de Beatriz Mato como conselleira
martes, 29 de setembro do 2020
A
xunta xeral extraordinaria de accionistas do Grupo Euskaltel nomeou
este martes 29 de setembro, coa aprobación dunha ampla maioría, a
incorporación da galega Beatriz Mato como nova conselleira
independente do órgano de goberno da compañía, o que supón,
en palabras do grupo, “un claro reforzo do perfil galego do Grupo e
da marca R en Galicia”.
Euskaltel
tamén valora o feito de que o nomeamento chegase e se formalizase
“nun intre crucial para o desenvolvemento do grupo”, que vén de
aprobar o seu plan estratéxico para os vindeiros cinco anos e
iniciou “con éxito” a súa expansión ao mercado estatal.
“Beatriz Mato, coa coa súa grande experiencia e coñecemento do
tecido empresarial e institucional de Galicia, contribuirá a
reforzar o arraigamento de R neste mercado”, engadiu a compañía.
Beatriz
Mato, como recordaremos, foi conselleira de Traballo e de Medio
Ambiente nos anteriores gobernos de Alberto Núñez Feijóo. Nada en
Barakaldo (Bizkaia) en 1965, é enxeñeira industrial, especialidade
Organización Empresarial, pola Escola Superior de Enxeñeiros
Industriais de Bilbao, e Mestrado MBA de Dirección e Administración
de Empresas, pola Escola de Negocios da Universidade da Coruña.
Ademais, ten o Certificado de Bo Goberno de Sociedades polo Instituto
de Conselleiros-Administradores, e é membro da Asociación Española
de Conselleiras.
Beatriz Mato conta con 30 anos de experiencia
profesional na empresa privada e pública, liderando proxectos
empresariais no sector tecnolóxico e de consultoría en pemes e
multinacionais e tamén desenvolveu a súa carreira na xestión
pública como conselleira do Goberno autonómico de Galicia. Dende o mes de febreiro é directora de Desenvolvemento Corporativo da empresa galega de renovables Geenalia.