Expertos en boas prácticas aplicadas a proxectos TIC danse cita este xoves en Santiago
mércores, 16 de xuño do 2010
Este xoves pola tarde comeza en Santiago, a partir das 15.30 horas, o Seminario de Boas Prácticas en Xestión de Proxectos que organiza o CPETIG ao abeiro do convenio asinado coa Fundación para o fomento da calidade industrial de Galicia. Os diferentes relatorios e mesas redondas que integran o encontro, que vai dirixido a profesionais TIC da nosa terra, abriranse ás 16.10 horas coa intervención de Iñigo Tomé, de INTECO, quen falará de seguridade para as empresas e de certificacións que as acrediten. Ás 17, será a quenda de David Esmerodes, responsable do grupo áxil-mente, quen afondará nos principios do axilismo, unha metodoloxía aplicable ao empresarial que consiste (entre outras cousas) en buscar a satisfacción do cliente a través da achega continua e temperá de software de valor.
O seminario, que se celebra dende o Telecentro de Santiago e con conexión directa a catro cidades galegas (A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo), proseguirá ás 17.30 cunha exposición sobre as boas prácticas achegadas polas técnicas scrum e que correrá a cargo de José Ramón Díaz, xefe de proxectos de Biko.
Máis tarde, será Carlos Jardón, coordinador de proxectos de banca na Dirección de Outsourcing de Tecnocom, quen tome a palabra. Farao a través dun relatorio sobre a xestión de iniciativas como piar de calidade.
Ás 19.00 horas, José Luis Iparaguirre pechará a xornada cunha sesión sobre A mellora cuantitativa. Iparaguirre, recoñecido coa certificación High Maturity Lead Appraiser (que avala o seu coñecemento e experiencia para realizar diagnósticos de madurez nas empresas), falará cousas que diferencian un éxito dun fracaso no eido empresarial, malia que as compañías que toman un camiño ou outro compartan persoas, clientes ou mesmo experiencia.
O obxectivo deste seminario que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia é presentar relatorios para afondar nos conceptos clave para a xestión de proxectos de éxito no eido da informática nun marco de referencia práctico, dando unha visión ampla ao traballo de enxeñeiros e analistas.
