Israel será o país convidado á primeira edición do Galicia Innovation que se celebrará na Coruña

martes, 18 de marzo do 2014 Redacción

Será o 29 e 30 de maio cando teña lugar na Coruña o evento Galicia Innovation, organizado pola aceleradora galega Zarpamos e máis Global Nova Trade e promovida pola Fundación Ronsel. E en que consiste Galicia Innovation? Pois estamos perante unha das ferramentas do Programa de Cooperación Internacional, unha xuntanza anual que achegará visibilidade e fomentará o intercambio e enriquecemento conxunto entre emprendedores de diferentes países a través de obradoiros, relatorios e xornadas de networking…
Na súa primeira edición o país convidado é un dos líderes mundiais en emprendemento e salientado en desenvolvemento tecnolóxico internacional, falamos de Israel. En conxunto cos convidados israelís promoverase o intercambio entre ambos os modelos de coñecemento en materia de Innovación e desenvolvemento, así como entre grupos de investigación, centros tecnolóxicos, universidades, startups e o tecido empresarial galego.
Durante a primeira xornada (29 de maio) exporase -mediante mesas de traballo, relatorios e xornadas de networking- como desenvolven no senso máis amplo, o seu traballo, un dos referentes mundiais en creación de Startups, cun modelo de Internacionalización e innovación de referencia mundial. Asemade, organizarase unha cea privada onde os asistentes poderán establecer liñas de colaboración cos relatores, inversores e convidados.
En canto á segunda xornada (30 de maio), os protagonistas serán os emprendedores, poderán expor proxectos (previamente escollidos) aos relatores e levar un valioso feedback do proxecto. Levarase a cabo un Demoday de inversión ante inversores nacionais, internacionais e os integrantes da Aceleradora Israelí Starthub.
Para máis información ou confirmación da participación a Galicia Innovation cómpre visitar a web habilitada.

PUBLICIDADE