FECYT estrea a súa propia canle de televisión online

xoves, 28 de abril do 2011 Raquel Noya

A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, FECYT, vén de por en marcha a súa propia canle de televisión por Internet para dar conta de contidos audiovisuais sobre ciencia e innovación aptos para tódolos públicos.
A canle FECYT TV nace con vocación de servizo público e neste senso emitirá información de actualidade científica e que esperten interese na sociedade.
O proxecto xurdiu logo de que os seus creadores aprezaran unha “necesidade de coñecemento científico nos españois”, segundo datos desprendidos da última Enquisa de Percepción Social da Ciencia, que afirma que, “o interese dos españois por este tema medou un 36 por cento en 2010”.
A directora xeral do FECYT, Lourdes Arana, afirmou durante a presentación da canle que coa posta en marcha da mesma preténdese “crear unha ferramenta coa que as distintas institucións poidan dar a coñecer as súas investigacións ao gran público” e tamén “involucrar a profesores e alumnos na elaboración de material audiovisual divulgativo”.
Xa que logo, a través de FECYT TV, mostraranse os traballos da comunidade científica española, tales como achados científicos de relevancia internacional, novidades de interese para o sector, debates, análises, entrevistas a científicos relevantes… e todo o que teña que ver coas ciencias e a tecnoloxía.
Asemade, a web contará cun apartado especial denominado Ciencia nas aulas, no que se incluirán vídeos de carácter didáctico orientados a mestres e estudantes, a través do que se proxectarán as actividades en torno á ciencia que se leven a cabo no entorno educativo.
A canle de televisión online tamén nace con vocación de converterse nunha ferramenta de utilidade para os medios de comunicación, que poderán botar man dela para complementar calquera traballo relacionado coa ciencia.
FECYT TV repártese nas seccións que seguen:
- Divulgación científica: espazo que alberga vídeos de carácter divulgativo.
- Novas SINC: inclúe as novidades máis destacadas da Axencia SINC, con novas de actualidade de todas as áreas científicas.
- Actualidade FECYT: recolle as principais actividades da Fundación en todos os seus campos de actuación.
- Ciencia nas aulas: espazo para mestres e alumnos no que se integrarán contidos didácticos sobre distintos temas, como a nanotecnoloxía e a biodiversidade, entre outros.
- Innovación: inclúe contidos audiovisuais sobre temas de innovación.
- Con nome propio: espazo adicado ás entrevistas, á profundización en personaxes e equipos de científicos que están de actualidade.
- Debates: espazo a cargo do grupo GISME, no que se tratan temas científicos de interese social.

PUBLICIDADE