FINSA, Inditex e Naturgy incorpóranse ao padroado do centro tecnolóxico ITG
luns, 27 de outubro do 2025

- Carlos Calvo e Antonio Couceiro
O ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia) reforzou o seu padroado coa incorporación de FINSA, Inditex e Naturgy, tres firmas referenciais nos seus sectores (transformación da madeira, o sector téxtil e o sector enerxético, respectivamente). A súa entrada supón, en palabras do ITG, “un importante reforzo ao ecosistema de innovación e excelencia tecnolóxica que impulsamos co obxectivo de mellorar a competitividade de pequenas e medianas empresas, así como acompañar a empresas punteiras no desenvolvemento de solucións innovadoras”.
“A entrada de tres grandes compañías como FINSA, Inditex e Naturgy é un paso decisivo na nosa misión de transformar a tecnoloxía en solucións reais para a industria e a sociedade. O seu compromiso demostra a confianza do sector privado na achega de valor diferencial e de competitividade que é a nosa razón de ser”, afirmou Carlos Calvo Orosa, director xeneral de ITG.
Estes tres referentes do sector industrial únense a un padroado que está formado actualmente polos Colexios Oficiais de Enxeñeiros Industriais de Galicia, de Arquitectos, de Camiños, Canles e Portos, de Minas, Navais e Agrónomos; a Confederación de Empresarios de Galicia; as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo; e a Xunta de Galicia.
