Facebook faise cunha compañía especializada en realidade virtual por ata 2.300 millóns de dólares
martes, 25 de marzo do 2014
Na
pasada edición da GDC dende Oculus VR
anunciaron o novo kit de desenvolvemento de Oculus Rift, que pretende
converterse na grande plataforma de realidade aumentada nos videoxogos de cara
ao futuro, e en vista deste grande potencial, dende Facebook moveron peza e,
pese a que parecía que non ían facer grandes adquisicións despois da compra de
WhatsApp, sorprenden anunciando
que chegaron a un acordo para mercar Oculus VR por uns 2.000 millóns de
dólares, dos que 400 millóns serían en efectivo e 23,1 millóns de accións de
Facebook (valoradas nuns 1.600 millóns de dólares), coa posibilidade de engadir
ao acordo outros 300 millóns de dólares (entre efectivo e accións) de acadar
certos obxectivos. A compra debería de completarse no segundo trimestre do ano.
Esta operación resulta especialmente sorprendente porque Facebook non tiña
demostrado ningún interese anterior no desenvolvemento de videoxogos nin na
realidade virtual pero, segundo Mark Zuckerbert, queren adiantarse ao futuro, e
igual que hoxe están a centrar os seus esforzos no móbil, queren estar listos
para as plataformas do mañá, destacando que “Oculus ten a oportunidade de crear
a plataforma máis social da historia, e cambiar o xeito no que traballamos,
xogamos e nos comunicamos”. Zuckerberg chega a asegurar que a tecnoloxía de
realidade virtual, pese a parecer un soño de ciencia ficción, está cada vez
máis preto, e permitirá que no futuro poidamos participar de aulas
dispersas por todo o mundo como se estivésemos nun único lugar físico,
consultar ao médico cara a cara pondo
un lentes dende a nosa casa ou compartir experiencias cos amigos.
- Parte do equipo de Oculus VR, entre os que destaca (á esquerda) o histórico dos videoxogos para PC John Carmack
Como en adquisicións anteriores, Oculus manterá a súa independencia, conservando as súas oficinas en Irvine (California) e continuando a traballar en Oculus Rift como unha plataforma de realidade virtual moi prometedora. Dende Oculus VR tamén ven dun xeito moi positivo a operación, por considerar que o apoio de Facebook vai facilitarlles a creación da mellor plataforma de realidade virtual do mundo, grazas en boa medida por compartir unha mesma visión con Zuckerberg sobre o futuro da realidade virtual.
- Os lentes Oculus Rift están considerados como un dos meirandes avances na realidade aumentada dos últimos anos