Facebook merca MSQRD

mércores, 9 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos días puidemos ver como a aplicación móbil MSQRD, co lanzamento da súa beta para Android, disparou novamente a súa popularidade, de xeito que as redes sociais están cheas de imaxes e vídeos nas que se aplican sobre as caras das persoas numerosos filtros con forma de máscara virtual que se aplican en tempo real, converténdose en todo un fenómeno viral que dende Facebook non quixeron deixar pasar, tal e como anunciaron dende Masquerade Technologies, empresa que pasa agora a ser parte de Facebook, o que tamén manifestou o propio Mark Zuckerberg cun vídeo no que aparece con casco de Iron Man xerado con MSQRD.
Polo momento a aplicación de MSQRD non desaparecerá (como tamén aconteceu con Instagram), pero posiblemente os seus filtros pasen a ser aínda máis populares, xa que parece que Facebook pasaría a integralos na súa aplicación de transmisión de vídeo en directo (dun xeito semellante a como tamén fan os Hangouts de Google). Tamén é de esperar que a aplicación de MSQRD reforce a súa integración con Facebook e continúe a mellorar para manter unha posición que conseguiu gañar a grande velocidade e agora teñen o reto de mantar.

PUBLICIDADE