Facebook proba a integración de artigos de prensa na súa aplicación móbil

venres, 15 de maio do 2015 Marcus Fernández

Aínda que normalmente vemos que plataformas como Facebook e Twitter son importantes fontes de tráficos para medios de comunicación en liña, resulta evidente que as plataformas sociais non gustan do feito de que os usuarios os abandonen para consumir contidos externos, o que en casos como o vídeo solucionan incrustando os vídeos nas súas páxinas web e aplicacións, pero agora queren levar isto máis aló, e Facebook está a probar cun grupo reducido de medios (The New York Times, National Geographic, BuzzFeed, NBC News e Atlantic, aos que se sumarán en breve The Guardian, BBC News, Spiegel e Bild) a súa tecnoloxía de Instant Articles, que consiste en integrar os artigos editados polos medios adheridos dentro da aplicación móbil de Facebook.
Estamos ante un experimento moi interesante, no que os medios e Facebook teñen que medir as súas forzas, xa que aos editores non lles interesa dar demasiado poder á plataforma de Mark Zuckerberg (moitos medios xa teñen máis tráfico orixinado en Facebook que en Google), pero tamén conseguen beneficios do programa de afiliación (os artigos instantáneos poden incluír historias patrocinadas).
Un dos detalles máis importantes deste formato no que os medios poden integrar as súas informacións en Facebook é que os editores poderán empregar ferramentas de edición propias e converter as historias de xeito automático a un formato que funcione na aplicación de Facebook, que daralles unha aparencia moi atractiva, a que permitiría efectos como o desprazamento horizontal de fotografías e vídeos.
Os editores poderán conservar o 100% dos ingresos publicitarios adquiridos por conta propia dos artigos instantáneos, podendo contar coa posibilidade de ofrecer o seu inventario sen vender para a súa comercialización a través da rede publicitaria de Facebook (caso no que recibirían o 70% dos ingresos).
Amais, a compañía de medición de audiencias ComScore tamén contabilizará os contidos consumidos a través da aplicación de Facebook como se o usuarios estivese na propia páxina web do medio orixinal, o que resulta de grande interese para a comercialización publicitaria.


Vídeo no que podemos ver os artigos instantáneos en funcionamento

PUBLICIDADE