Facebook venderá en España os seus produtos Portal

mércores, 18 de setembro do 2019 Marcus Fernández

O ano pasado Facebook presentou dispositivos para facer máis naturais as videoconferencias, o Portal e o Portal+, e agora dispóñense a facer medrar a familia, non só incorporando novos dispositivos, senón tamén chegando a máis países, de xeito que por fin os teremos dispoñibles en Europa, o que resulta especialmente interesante agora que estes dispositivos xa non se limitan a comunicarse a través de Messenger, senón que tamén permiten facer videochamadas por WhatsApp.
Os dispositivos da marca Portal son basicamente tabletas de sobremesa para facer videoconferencias, que ofrécense en varios tamaños, de xeito que agora teremos o Portal Mini con pantalla de 8 polgadas, o Portal con pantalla de 10 polgadas e o Portal+ con pantalla de 15,6 polgadas, que chegarán a Europa a prezos de 149, 199 e 299 euros respectivamente. Tamén serven para reproducir música cando non se realizan videoconferencias e gozar das prestacións propias dos altofalantes Amazon Echo (xa que integran Alexa). Ante a desconfianza do público as cámaras e os micrófonos destes dispositivos poden desactivarse cun simple interruptor.
Pero a estas tabletas personalizadas acaba de chegarlles unha interesante alternativa, o Portal TV, que é basicamente unha webcam que pode colocarse sobre ou baixo o televisor, para conseguir videochamadas nunha pantalla de grande tamaño, convertendo o televisor nunha fiestra a distancia dende a que ver a amigos e familiares, e poder conversar. O Portal TV poderá mercarse por 169 euros.
Estas solucións para realizar videoconferencias resultan cómodas e atractivas xa que a cámara dos dispositivos tira proveito da intelixencia artificial para facer un seguimento da acción, de xeito que a imaxe achégase e céntrase no importante, sen que os interlocutores teñan que achegarse fisicamente á cámara.
Os dispositivos Portal con pantalla poden aproveitarse a xeito de marco dixital, no que amosar as nosas fotografías e vídeos favoritos e incluso recibir recordatorios de aniversarios, mentres que o Portal TV tamén destaca por poder empregarse como un xeito máis de ver coas amigos contidos de Facebook Watch. Os dispositivos Portal tamén serven para gozar dos contidos de Amazon Prime Video.
Estes trebellos de Facebook poden xa reservarse, coa posibilidade de aforrar 50 euros ao mercar dous á vez, gozando dun período de proba de 30 días e gastos de envío de balde.

Novo vídeo promocional dos trebellos Portal

PUBLICIDADE