Falece o fundador de HQ Trivia e Vine

luns, 17 de decembro do 2018 Marcus Fernández

A publicación TMZ informou en primicia do pasamento de Colin Kroll, director xeral e cofundador de HQ Trivia, e que anteriormente xa conseguira un grande éxito con Vine (aínda que a plataforma non conseguiu manter o seu pulo a longo prazo). Ao parecer, durante a xornada do domingo atoparon o corpo de Kroll xunto a cocaína e heroína, polo que atribúen a súa morte a unha sobredose.
Kroll, con 35 anos de idade, foi unha figura polémica nos últimos anos, xa que tras lanzar Vine e conducir a compañía durante un par de anos chegou a traballar en Twitter, compañía de onde foi despedido polo seu mal carácter, detalle que tería levado a que os investidores non quixesen confiar os seus cartos en HQ Trivia, plataforma que non estaría a pasar por bos momentos pese ao seu meteórico ascenso.
En calquera caso non podemos negar a boa visión de Kroll, xa que Vine foi unha magnífica idea da que actualmente semella estar a coller o relevo TikTok, mentres que HQ Trivia incluso chegou a ter clons internacionais, como o español Q12 Trivia.

PUBLICIDADE