Feliz 2023!

venres, 30 de decembro do 2022 Marcus Fernández

Un ano máis chega á súa fin, despois dun período complicado por mor da pandemia, do que imos recuperándonos paseniñamente coa esperanza de que o ano 2023 sexa mellor e así recibamos o Aninovo con ilusión.
Este 2022 foi un ano complexo, no que puidemos ver como os eventos tecnolóxicos recuperaban a presencialidade, aínda que mantendo a aposta polo dixital aproveitando o aprendido nos últimos anos, mentres que no contorno laboral o teletraballo consolidouse nalgúns ámbitos tras confirmar na práctica a súa viabilidade.
No ámbito tecnolóxico a conxuntura económica non impediu que tivésemos un ano cheo de novidades que deron moito que falar, como o circo montado pola compra de Twitter por parte de Elon Musk, pero probablemente o que marcará o 2022 foi a explosión das intelixencias artificiais xenerativas, que causaron furor entre o público, dándose unha grande visibilidade á intelixencia artificial, o que é un argumento máis para esperar un bo 2023 en Galicia, en boa medida grazas a que a nova sede da AESIA colocaranos no mapa deste ámbito a nivel internacional, creando oportunidades que cómpre aproveitar.
Nós queremos seguir aquí un ano máis contando toda esta evolución tecnolóxica en chave galega e desexamos aos nosos lectores unha boa entrada de ano e que 2023 traia moitas cousas boas a todos.

PUBLICIDADE