Fentotek e Akunatura, con sede na Tecnópole, elixidas entre as 100 mellores startups pola APTE

xoves, 12 de febreiro do 2026 S. P.

A Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE) elaborou unha listaxe coas 100 mellores startups do ano 2025 localizadas en 43 dos seus parques científicos e tecnolóxicos, presentes en 15 comunidades autónomas españolas.
Trátase de proxectos innovadores en ámbitos punteiros e entre elas hai dúas empresas galegas, situadas na Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia). Trátase de Akunatura e Fentotek.

Fentotek: desenvolvemento de dispositivos electrónicos a medida

Rubén Otero, director de Fentotek

Fentotek foi creada en 2019. Está especializada no deseño de dispositivos electrónicos, especialmente de comunicacións, para sectores diversos, en particular para o industrial, aeroespacial e de defensa. Desenvolve unha plataforma de hardware e sobre ela as empresas poden crear as súas propias aplicacións, segundo as súas necesidades, ao tempo que lles ofrecen asesoramento en todo o proceso.
O director da firma, Rubén Otero, explica que “traballan sempre con enlaces de datos”. Así, para o sector industrial, crean radioenlaces de comunicación de banda larga “que permiten transmitir datos entre puntos moi afastados”, apunta, engadindo que “son conexións sen fíos de alta capacidade que transmiten grandes volumes de datos a unha velocidade moi elevada entre dous ou máis puntos usando ondas de radio, sen necesidade de cables”.
En relación ao sector aeroespacial, os seus sistemas permiten mellorar a capacidade de comunicación entre unha estación base e unha aeronave, xa sexa ou non tripulada. E para o sector de defensa, os dispositivos desenvolvidos pola compañía poden, entre outras posibilidades, eliminar interferencias que se sobrepoñen aos seus sinais, por exemplo unha interferencia terrestre que dificulta a chegada dun sinal de satélite.

Akunatura: seguridade alimentaria, control sanitario da auga e saúde ambiental

O laboratorio Akunatura nace no ano 2007. Desde os seus máis de 350 m² de instalacións especializadas, presta servizo a empresas e institucións de toda España. Céntrase na realización de análises microbiolóxicas e físico-químicas. Ademais, ofrece asesoramento técnico para garantir que alimentos, aguas, instalacións e produtos cumpran os requisitos legais e sanitarios vixentes.
O responsable da firma, David Cabanelas, explica que orientan a súa actividade a “proporcionar solucións técnicas baseadas en evidencia analítica e cumprimento normativo, contribuíndo á seguridade alimentaria, á protección da saúde pública e ao control ambiental”.
En relación coas augas, levan a cabo o control analítico de augas de consumo humano, envasadas, de piscinas, residuais e de vertidos. No eido da hixiene e a seguridade alimentaria, realizan ensaios microcrobiolóxicos en alimentos, superficies e ambientes.

A capacidade emprendedora dos parques científicos e tecnolóxicos

O obxectivo desta iniciativa de APTE é “poñer de relevo a capacidade emprendedora e innovadora que se desenvolve nos parques científicos e tecnolóxicos, facilitando o coñecemento das empresas a posibles entidades investidoras interesadas en proxectos de alto crecemento”. Nesta liña, estas novas firmas innovadoras terán un protagonismo especial durante a vindeira edición do Foro Transfiere -o maior evento europeo de ciencia, tecnoloxía e innovación-, que terá lugar en Málaga a finais de febreiro e onde as firmas poderán manter encontros con potenciais clientes e investidores.