Fernando Suárez (CPEIG) e Carlos Gómez (CITIC) estarán na nova edición especial de SinFiltro

xoves, 23 de maio do 2024 S. P.

Comezou a conta atrás para a seguinte edición das charlas informais de tecnoloxía SinFiltro, a desenvolver este 5 de xuño na sede de AFundación da Coruña baixo o epígrafe Cara ao futuro e máis aló, impulsada novamente polo experto en nova comunicación Marcelo Castelo. Entre outros, participarán o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, e máis Carlos Gómez Rodríguez, investigador principal do Centro de Investigación TIC da UDC (CITIC), mostrando este último como como funcionan realmente os grandes modelos de linguaxe baseado en Intelixencia Artificial (como ChatGPT) e desvelando a súa capacidade real de entendemento.
Organizada pola Obra Social Abanca, Afundación, a cita centrará o seu programa nesta ocasión en modelos disruptivos da linguaxe humana que nos ofrece a IA. Ademais do relatorio de Carlos Gómez, o programa inclúe tamén unha mesa redonda na que participarán o propio investigador do CITIC; o CIO de EVO Banco, Rubén Andrés; o CIO de Teladoc Health, Jordi Parera e o CIO de Mobile World Capital, Eduard Martín Lineros.
Así mesmo, presentarase o barómetro Estado emocional do tecnólogo en España de man do presidente do Consello Superior de Enxeñeiros Informáticos de España (CCII) e presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez; e do director xeneral de CIE, Alberto García.
No próximo encontro do 5 de xuño, o condutor do evento creado para achegar de forma amena o impacto da IA nas nosas vidas, Marcelo Castelo, aproximarase, a través de diferentes voces, á contorna do ChatGPT.
SinFiltro Cara ao futuro e máis aló ten unha vocación social e a cantidade recadada coas entradas (cuxo custo é de 3€) será doada integramente ao programa Cultura por Alimentos impulsado por Afundación, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, para incrementar os recursos do Banco de Alimentos Rías Altas.
Como peche do acto, Marcelo Castelo terá un dos seus habituais faladoiros “vándalos” cos humoristas Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán, que repite a súa experiencia en SinFiltro.
Máis información e entradas na web de Afundación.