Ferrol achega aos veciños unha ferramenta web para faceren seguimento das obras nos viarios

martes, 16 de xaneiro do 2018 Redacción

O Concello de Ferrol quere tirar proveito da comunicación dixital coa veciñanza para dar forma a unha cidade mellor xestionada, atendida e máis habitábel. Por este motivo, o Goberno local vén de pór a disposición da cidadanía unha ferramenta web que permitirá incrementar a participación no seguimento de obras en viarios e na resposta dos efectivos ante posíbeis incidencias. A idea, polo tanto, é fomentar e garantir a utilidade da información directa dos veciños. A plataforma xa está dispoñíbel vía web baixo o dominio mantementoferrol.gal.
Estes, de feito, logo de rexistrárense como usuarios, poderán visualizar o mapa das obras, seguir unha actuación ou comunicar unha incidencia á empresa que se ocupa do mantemento. O Concello lembra que a firma Misturas ten a pé de rúa, dende novembro, unha equipa de traballo para actuar nos barrios e máis nas contornas rurais.
O Executivo local lembra que todos os veciños pódense rexistrar como usuarios na ferramenta para coñecer as actuacións a desenvolver e as xa rematadas. Poderán, tamén enviar as súas suxestións e as súas consultas sobre as obras e solicitar reparacións no seu barrio. Desde a empresa adxudicataria do servizo, responderán aos usuarios. No Facebook do Concello de Ferrol explícase polo miúdo como pode a cidadanía proceder para rexistrarse neste recurso web de seguimento e participación.

PUBLICIDADE