O número de filtracións masivas de datos persoais de plataformas de redes sociais comeza a ser alarmante, xa que, aínda que mudemos o noso contrasinal das mesmas, expoñen certa información que pode facilitar a nosa suplantación en moitos outros sistemas, sendo a última plataforma social da que dan conta da aparición masiva de datos persoais na Rede a de VK.com, considerada como “o Facebook ruso”, e que moitos recoñecen por ser o xermolo de Telegram.
Dende LeakedSource rexistraron 100.544.934 entradas nas que figuran o correo electrónico, o nome, o apelido, a localización, o número de teléfono, o contrasinal e, algún caso, un segundo enderezo de correo electrónico de usuarios de VKontakte, polo que os usuarios deste servizo deberían mudar o seu contrasinal de verse afectados pola filtración, así como ter en conta os datos filtrados á hora de asegurar outras contas en liña que teñan.
Como curiosidade, os datos que figuran na listaxe filtrada confirman unha vez máis que os usuarios teñen moi pouco coidado á hora de elixir os seus contrasinais, e 709.067 usuarios de VK.com terían empregado como contrasinal 123456, mentres que 416.591 optarían por 123456789 e 291.645 por qwerty, dando a entender que prefiren a comodidade dun contrasinal sinxelo que a dificultade cunha clave segura, de aí que resulte doado entender por que moitos fabricantes están a apostar por integrar en ordenadores e smartphones lectores de pegadas dixitais (simplemente buscan que sexa doado ter un mínimo nivel de seguridade).
Filtran as credenciais de máis de 100 millóns de usuarios de VK.com
Compartir Este Artigo
