Firefox lograr reter a un de cada catro usuarios que o proba

xoves, 9 de agosto do 2007 Matías Olazabal

Os responsables de Mozilla aseguran que das persoas que descargan algunha das versións de Firefox, a metade polo menos remata por probalo, e a metade dos que o proban deciden empregalo coma navegador predeterminado, substituíndo ó Internet Explorer.

Segundo o artigo publicado por Dan Farber & Larry Dignan para o portal de novas zdnet, estas cifras, malia que se poden considerar un logro, caen por debaixo do que se puidera estimar nun principio, tendo en conta que a taxa de cibernautas que se inclinan por este soft é moito maior ca un de cada catro.

Partindo da base de que o 25 por cento das persoas que descargan o Firefox deciden usalo de forma cotiá, esta cifra supón millóns de usuarios que fan o cambio, o que non é doado de acadar, xa que -en definitiva- os dous programas fan basicamente o mesmo. Neste panorama de competitividade, os dirixentes de Mozilla asumen o reto de tentar vencer a barreira da preinstalación, que supón que se cada ordenador que sae da caixa cun navegador -o Internet Explorer-, pouca xente vai sentir a necesidade de mudalo por outro, o que fai necesario desenvolver un produto superior e diferenciado (dise no dito artigo), ou polo menos una estratexia de mercado que o presente como tal.

Na actualidade, os responsables do Firefox están a levar a cabo unha combinación de melloras no produto e estratexia de achegamento ao público xeral. Para a campaña en marcha da competencia da casa Microsoft, os encargados de marketing elaboraron unha listaxe de doce puntos para acadar a popularización do Firefox e gañar a batalla fronte a Explorer. A primeira vista e coincidindo cos autores do artigo, non semella que abonde aínda que algunha das medidas son moi axeitadas.

O máis importante é lograr que a versión que baixemos e instalemos no computador xa teña todos os plugins listos e funcionando, algo que sen lugar a dúbidas é a primeira razón para preferir ficar co Explorer. Os demais puntos inclúen: mellorar a páxina de inicio, crear iconas máis doadas de asociar co feito de navegar na Rede, situar mellor as iconas do sistema, mellorar a páxina de descarga do programa e o apoio técnico en liña, entre outros detalles.

Tendo en conta que na actualidade Firefox parece ser a única alternativa viable ás deficiencias do Explorer -en especial no referido á seguridade-, moitos dos expertos cren que a retención do navegador fabricado por Mozilla deber ser maior, algo que se cadra poderá acadarse co paso do tempo.

PUBLICIDADE