FlexStrike será o nome do primeiro mando de Sony para xogos de loita

luns, 28 de xullo do 2025 Marcus Fernández

Sony Interactive Entertainment deu a coñecer oficialmente o nome do seu esperado mando arcade para xogos de loita, que levará o nome de FlexStrike e trátase do primeiro mandos deste tipo desenvolvido directamente por PlayStation. Este dispositivo, que verá a luz en 2026, preséntase nun momento clave, xa que a vindeira fin de semana terá lugar a Evolution Championship Series (EVO) en Las Vegas.
O mando FlexStrike presentouse inicialmente en xuño como froito do Project Defiant, e agora confírmase como un dispositivo sen fíos que empregará a tecnoloxía PlayStation Link, deseñada para garantir unha latencia ultrabaixa tanto en conexións por cable como sen fíos, compatible con PS5 e PC.
O novo stick contará con botóns mecánicos, compoñentes intercambiables sen necesidade de ferramentas e un deseño ergonómico con base antiescorregadiza. Incorporará tamén un estoxo de transporte con correa, no que se poderán gardar o propio dispositivo e os seus accesorios, como as comportas de limitador (en formatos cadrado, circular e octogonal), o adaptador USB PS Link, o cable USB-C e outros elementos.
Ademais, FlexStrike permitirá conexións simultáneas con outros dispositivos. Nunha PS5, por exemplo, poderá emparellarse cun segundo stick FlexStrike usando un único adaptador ou manter activo ao mesmo tempo un mando DualSense, útil para navegar por menús entre combates. Outra das funcións destacadas será a compatibilidade simultánea con auriculares Pulse Elite ou Pulse Explore, tamén mediante o sistema PlayStation Link, o que facilitará unha experiencia de xogo e comunicación sen interrupcións durante as partidas.
O novo stick tamén incorporará un panel táctil e permitirá personalizar entradas e configuracións, incluíndo un modo de panca e botóns de bloqueo para evitar pulsacións accidentais. Unha vez sincronizado, o FlexStrike poderá mesmo acender a consola directamente co botón PS.

Vídeo promocional do mando FlexStrike