Formoso destaca a importancia de que A Coruña acolla esta semana o cumio internacional REAIM 2026

martes, 3 de febreiro do 2026 S. P.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu este martes 3 de febreiro no seu despacho do Pazo Provincial ao director xeral do Centro de Sistemas e Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CESTIC), o tenente xeral José María Millán Martínez, con motivo da celebración do III Cumio Internacional sobre o Uso Responsable da Intelixencia Artificial no Ámbito Militar (REAIM 2026).
A reunión celebrouse como previa ao cumio internacional, que se celebra esta semana, o xoves 4 e e o venres 5 de febreiro, na cidade da Coruña (en PALEXCO), e que converterá a capital provincial nun espazo de referencia para o debate global sobre os desafíos éticos, xurídicos e tecnolóxicos asociados ao uso da intelixencia artificial no ámbito da defensa.
Durante o encontro, Formoso e Millán abordaron a relevancia estratéxica dunha cita que reunirá representantes institucionais, expertos internacionais e responsables de defensa para reflexionar sobre o desenvolvemento e a aplicación responsable da intelixencia artificial en contextos militares.
Valentín González Formoso subliñou o valor de que un foro internacional destas características se celebre na provincia: "Que A Coruña sexa sede dun cumio deste nivel é unha mostra da súa capacidade para acoller grandes eventos e para participar activamente nos debates globais máis relevantes", afirmou.
O Terceiro Cumio REAIM ofrece unha plataforma global onde estados, organizacións internacionais e expertos do ámbito académico, do sector privado e da sociedade civil poidan intercambiar puntos de vista sobre como a IA no ámbito militar debe contribuír a reforzar a paz e a seguridade internacionais, en lugar de aumentar os riscos derivados de usos irresponsables ou fallos destes sistemas.
Para esta terceira edición, España considera que “chegou o momento de avanzar cara a medidas concretas, prácticas e realistas que permitan traducir os principios acordados en accións concretas e efectivas”.
Así mesmo, o cumio aspira a profundar no seu carácter multisectorial, fortalecendo a colaboración entre expertos de distintos ámbitos e rexións, un enfoque básico para comprender plenamente as dimensións tecnolóxicas, militares, éticas, legais e sociais da IA no ámbito militar.