Fossil presenta dous novos smartwatches con Android Wear

martes, 9 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Fossil, co reloxo Q Founder, conseguiu meterse no mercado dos smartwatches con Android Wear con grande elegancia, ofrecendo unha aparencia de reloxo de pulso tradicional sen disparar o seu prezo de venda, e agora prepárase para a ampliación desta familia de dispositivos co Q Wander e o Q Marshal, que buscan ser reloxos para o día a día que tiren proveito das prestacións dos wearables e que poderán reservarse a partires do 12 de agosto.
Estes novos smartwatches contan cunha pantalla táctil sempre activa, unha caixa de 45 milímetros, vibran ante notificacións, son compatibles con iOS e Android, están dispoñibles en toque clásico e aceiro, poden configurarse para a práctica deportiva marcado obxectivos de actividade e pasos, teñen esferas configurables, as súas correas son intercambiables, contan con cambio automático de zona horaria, funcionan cun sistema de carga magnética e son compatibles con numerosos sistemas de rexistro de actividade.
O Q Wander busca ser o modelo elegante, cunha curvatura suave e un bo acabado, mentres que o Q Marshal opta por unha caixa resistente, sendo ambos reloxos equiparables en prestacións e personalización, de xeito que a elección entre un e outro parece simplemente unha cuestión de gusto, tendo ambos un prezo de 295 dólares (o prezo europeo aínda non se anunciou).

PUBLICIDADE