Durante o foro global sobre a tecnoloxía blockchain organizado pola OCDE en París, o ministro de Economía e Finanzas de Francia, Bruno Le Maire, realizou unhas duras declaracións sobre a futuro moeda dixital promovida por Facebook, Libra, amosando unha firme oposición ao proxecto e chegando a asegurar que «non podemos autorizar o desenvolvemento de Libra en solo europeo».
Le Maire declárase partidario da tecnoloxía blockchain, pero considera perigoso que poida existir unha moeda privada como Libra, que pode supor un serio risco para Estados con moedas febles. Detalles como o lavado de cartos ou o financiamento do terrorismo tamén son factores a ter moi en conta, e que non poden deixarse en mans de empresas privadas.
O ministro francés defende a utilidade de solucións na liña de Libre, polo que propón a creación dunha moeda dixital pública, emitida polos bancos centrais, que resolva problemas como os pagamentos internacionais caros ou a lentitude de certas operacións bancarias.
Aínda que está previsto o lanzamento de Libra no primeiro semestre de 2020, semella que haberá dificultades moi serias para que iso sexa así, xa que estamos a ver como hai moita oposición tanto nos EE.UU. como en Europa dunha moeda dixital que poida facer perigar a soberanía monetaria dos Estados, creando unha grande inseguridade de cara á súa implantación.
Francia oponse á Libra de Facebook
Compartir Este Artigo
