Friedbeef achega consellos para que as baterías dos portátiles non nos deixen tirados

venres, 27 de xullo do 2007 Matías Olazabal

A batería dos dispositivos móbiles están a levar a cabo unha recreación da carreira do coello e a tartaruga (neste caso o coello non durme, senón que semella os da famosa marca de baterías), xa que ó mesmo tempo que as mesmas engaden células e estenden a súa duración, os dispositivos que alimentan (neste caso os ordenadores portátiles, aínda que aplicable a teléfonos e PDAs tamén) demandan máis enerxía para poder ter unha rendibilidade óptima.
Procesadores máis rápidos, discos duros de meirande capacidade, pantallas máis brillantes e lectores ópticos que sexan quen de ler e amorear grandes cantidades de datos fan deste desequilibrio un problema que semella non ter solución, malia que as compañías xa falan da chegada en breve de baterías para aguantar todo o día. Porén, até que chegue ese día no que as baterías podan con todo, polo menos por un día (do coello e a tartaruga á Cincenta), podemos facer uso dunha serie de trucos para estender -aínda que sexa por unha horiña- a vida da nosa batería, que sempre morre xusto neses intres nos que máis se precisa dela. Este consellos, cortesía de friedbeef.com (mantido dende a “veciña” localidade de Kuala Lumpur), combinan recursos coñecidos con algúns que moita xente pasa por alto, esgotando en pouco tempo a batería.
Os primeiros tres pasos son xa coñecidos, pero non está de máis repasalos. Estes son: baixar a luminosidade das nosas pantallas, evitar o uso de dispositivos de lectura óptica (CDs, DVDs, etc), e optimizar as opcións do programa de xestión de enerxía, que decote aparece situados no bordo inferior dereito da barra de navegación. Cómpre engadir que para evitar o emprego dos lectores poderemos crear unidades virtuais con ferramentas coma o Alcohol 120, idealmente montadas mentres esteamos conectados a unha fonte de alimentación eléctrica.
En caso de que sexa imperante o acceso ás devanditas unidades de lectura, é mellor copiar o que sexa preciso e acceder mediante o disco duro, retirando da unidade calquera disco que puidera quedar dentro (aínda que non o utilicemos) xa que o sistema operativo accederá a el cada tanto, só para chequear que todo está en orde. Dicir que unha xogada como a de reproducir unha película dende un DVD fará que a nosa batería se esgote mesmo antes de rematar a sesión de cine.
Logo das primeiras aclaracións, tócanos evitar que os nosos discos duros fagan máis esforzos dos habituais, aforrando deste xeito tanta enerxía coma sexa posible. Para isto, a desfragmentación periódica das unidades é moi importante, xa que así o computador é quen de atopar a información solicitada de xeito máis doado, esixindo menos batería. En segundo lugar, cómpre dicir que canta máis memoria Ram teñamos, mellor, xa que non fará falta tirar da denominada memoria virtual, que se atopa nun sector dos discos duros e xa sabedes o que pasa cando estes xiran. En caso de que non podamos ampliar a memoria RAM porque o noso ordenador non admite máis de, poñamos por caso, 512 MB deberíamos pensar se cadra en mercar un novo equipo xa que os sistemas operativos e programas actuais requiren memoria deste tipo abonda.
Entramos agora en aquelas cousas que se cadra non todo o mundo sabe con respecto ó manexo de programas. Cómpre evitar sempre o denominado “multitasking”, que é o uso de moitas cousas ó mesmo tempo, do que de concluímos é preciso cerrar todo menos o estritamente necesario. A mesma premisa aplícase os portos USB, conexións WIFI e Bluetooth: desconectar todo o que non esteamos a usar (rato incluído), e, sobre todo, nunca conectar dispositivos que se cargan mediante este porto, como acontece cos Ipods ou teléfonos móbiles.
Neste último apartado diremos tamén que canto menos eximamos ós nosos ordenadores, mellor. Ante todo, non debemos turrar da tarxeta gráfica, sobre todo con xogos e con vídeos. Por último, é conveniente pechar todos os procesos secundarios que non sexan precisos, como podan ser Java, Itunes, e até o antivirus, se non imos usar a conexión á Rede, nin imos abrir arquivos descoñecidos.
Para ir rematando, falaremos agora sobre a batería e o mantemento do portátil en xeral. Ademais da obviade de manter os contactos sempre limpos, e de non viciala téndoa sempre no portátil e cargándoa sen un orden específico, non convén deixar pasar máis de dúas ou tres semanas coa batería cargada esquecida por aí. É recomendable usar a batería polo menos cada 15 días, e, en caso de que non sexa de Litio, convén esgotar a carga antes de comezar a recarga. En canto ó mantemento do portátil é importante que teña as ventilacións limpas, e, de ser posible, que non fiquen tapadas durante o tempo de uso do computador, xa que canta máis temperatura tome o portátil mais turrará dos ventiladores para contrarrestar.
Até aquí chega este pequeno percorrido polos múltiples xeitos de prolongar un pouco a duración das baterías dos portátiles. Se ben estas precaucións non achegarán horas para o Youtube, polo menos non ficaremos tirados no medio dun traballo que urxe. De todos os xeitos, o mellor consello posible é sempre levar o cargador e ter sempre unha toma de luz, senón preto de nós, polo menos situada para calquera emerxencia. As baterías, coma toda máquina, tamén fallan.

PUBLICIDADE