GAIN anuncia a integración da Xunta na iniciativa europea Urban Mobility
xoves, 3 de febreiro do 2022
Patricia
Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN),
participou na mañá deste 3 de febreiro nunha xornada na que se
presentou a iniciativa europea Urban Mobility do Instituto Europeo de
Innovación e Tecnoloxía (EIT) organizada polo Centro Tecnolóxico
de Automoción de Galicia (CTAG). Segundo
anunciou Argerey, a Xunta participará na iniciativa co obxectivo de
impulsar a cooperación dos axentes tecnolóxicos e de innovación
con entidades europeas.
Coa
adhesión a este proxecto, tamén se pretende mellorar o
posicionamento de Galicia como laboratorio de tecnoloxía e
aproveitar o financiamento europeo para programas de aceleración
tecnolóxica.
Argerey
destacou que no eido da motor contarase coa colaboración da CTAG e
da CEAGA (Clúster de Empresas de Automoción de Galicia) para o
desenvolvemento de novas tecnoloxías do automóbil que permitan a
produción do coche eléctrico e autónomo en Galicia.
No
ámbito aeroepacial, salientou o proxecto Galician Skyway que “nos
últimos anos obtivo solucións tecnolóxicas para mellorar a
seguridade do tráfico de vehículos aéreos non tripulados”, dixo.
Tamén destacou unha iniciativa de Boeing e Indra de crear un
simulador para a xestión do tráfico aéreo no Centro de
Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR).
Finalmente,
enxalzou a contribución da BFAero en forma de creación de postos de
traballo, financiamento de proxectos e creación de novas empresas.
EIT
Urban Mobility
A
EIT Urban Mobility é unha iniciativa do Instituto Europeo de
Innovación e Tecnoloxía que conta coa colaboración de arredor de
130 axentes europeos e cun co-financiamento de ata 400 millóns de
euros, dentro do Programa Horizonte Europa (2020-2026). O obxectivo
deste proxecto é a transformación da mobilidade urbana a prol de
que as cidades sexan espazos máis habitábeis. Entre os socios máis
destacados, atopamos a empresas como BMW ou Siemens, e centros como o
CTAG, CERTH ou a Universidade de Lisboa.
As
empresas que sexan seleccionadas para os programas que o CTAG deu a
coñecer durante o acto, poderán acceder a financiamento e a
asesoramento de entidades mentoras como CTAG, Barcelona Activa, ou
Ferrovial, entre outras. Isto representa unha grande oportunidade
para os ecosistemas de emprendemento galegos xa que se seleccionarán
máis de 30 proxectos no ano 2022.