GAIN e 20 entidades de I+G+i expoñen en Málaga o modelo galego de transferencia de coñecemento

martes, 24 de febreiro do 2026 S. P.

A Xunta de Galicia, a través de GAIN (Axencia Galega de Innovación), participa estes días en Málaga no foro europeo Transfiere 2026, un encontro de referencia internacional centrado en conectar ciencia, empresa e administración. Na cita tamén están presentes máis de 20 entidades da I+G+i, a investigación e a innovación feita en Galicia, mostrando o noso modelo de transferencia de coñecemento.
A delegación galega, liderada polo Goberno autonómico, conta cun stand institucional na feira no que participan as consellerías de Educación, Ciencia, Universsidades e FP, de Economía e Industria e de Sanidade, así como das tres universidades públicas galegas (Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña), con cinco dos centros de investigación da Rede CIGUS (CITIC, CiTIUS, CiQUS, atlanTTic e CIM); o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), a Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria, a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica INIBIC, a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA), con cinco dos seus centros (AIMEN, ANFACO, CETIM, CTAG e Gradiant); o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), o Digital Innovation Hub de Galicia (DIHGIGAL), a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA); o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (BIOGA), o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (VIRATEC), o Cluster TIC Galicia e Unirisco.
Ademais da presenza cun espazo expositivo, a Xunta de Galicia participa en dúas mesas redondas do evento para compartir a súa experiencia e visión en materia de transferencia de coñecemento. Por unha banda, a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, foi unha das relatoras da mesa redonda Estratexias territoriais de innovación, na que puxo o foco nas convocatorias de éxito como as Unidades Mixtas de Investigación ou Nexos, así como en programas de referencia como Ignicia.
Por outra banda, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández, participou na mesa redonda Proxectos de Compra Pública Innovadora. Neste sentido, Galicia sitúase como líder en España tras captar 45,6 millóns de euros na última convocatoria da liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda).
A participación do Goberno galego neste evento enmárcase no desenvolvemento do programa Ignicia, que busca mellorar a transferencia dos resultados da investigación realizada nos centros de coñecemento galegos ao tecido produtivo. Desde a súa primeira convocatoria, o programa apoiou 32 proxectos cun investimento de 16,6 millóns de euros e a captación de máis de 27 millóns de euros, xerando 150 empregos de alta cualificación e a creación de 11 spin-offs e tres acordos coa industria.
Transfiere é un dos principais eventos europeos de ciencia, tecnolóxica e innovación. O evento dá acceso a tendencias tecnolóxicas disruptivas, solucións innovadoras, oportunidades de financiamento e redes de contacto para impulsar alianzas estratéxicas no contexto global. Neste marco, a Xunta promove a participación dos axentes de I+D+i rexionais e a xeración de oportunidades de colaboración para a investigación e a innovación feitas en Galicia.
Nestas xornadas, que se prolongarán ata o xoves e ten programadas diversos coloquios e mesas redondas, están a participar máis de 400 entidades, empresas e administracións públicas de I+D+i, así como 300 expertos e conta con medio centenar de universidades nacionais e internacionais, ademais de máis dun cento de paneis temáticos.