GAIN lanza un convite á industria española para tirar proveito do coñecemento xerado polo Polo Aeroespacial de Galicia

xoves, 13 de abril do 2023 S. P.

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, participou este xoves 13 de abril en Madrid nunha mesa redonda sobre o sector aeroespacial ao servizo dos cidadáns no marco do evento Roadshow 2023 da empresa Telespazio, socia estratéxica e tecnolóxica da Xunta de Galicia no Polo Aeroespacial de Galicia, onde convidou á industria española a “aproveitar o potencial de coñecemento das pemes e centros tecnolóxicos e de investigación do Polo para dar resposta aos seus retos tecnolóxicos a través da Intelixencia Artificial e os sistemas non tripulados”.
Segundo fixo saber Argerey, a Xunta vai lanzar un novo instrumento de apoio que impulsará a compra privada de innovación por parte da industria. Así, concretou, está previsto materializar o novo instrumento en dúas convocatorias (en 2023 e 2024) e vai dirixido a pemes e centros de coñecemento galegos capaces de asinar acordos con empresas demandantes de solucións baseadas no uso de sistemas non tripulados e as tecnoloxías intelixentes que non estean dispoñibles. As empresas compradoras serán os clientes lanzadores e as futuras usuarias das solucións se estas son validadas, engadiu a directora de GAIN, apuntando que “con esta actuación complementarase o efecto tractor da Administración e o impacto da compra pública de innovación no sector”.
Neste novo programa, financiado no marco do programa de Redes Territoriales de Especialización Tecnológica, Retech a través de fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia Next Generation UE, e que estará dotado con 11,7 millóns de euros, terán cabida solucións que dean resposta aos retos e necesidades tecnolóxicas identificadas por empresas, tamén os relacionados coa biodiversidade e a preservación do medio ambiente, áreas nas que xa están a traballar compañías como Telespazio ou Avincis no Polo Aeroespacial de Galicia.
Telespazio colabora con Avincis, outro dos socios estratéxicos da Xunta no Polo Aeroespacial, para desenvolver servizos innovadores enfocados á preservación da biodiversidade mediante a obtención e xestión de datos procedentes de diferentes plataformas de observación, como satélites e sistemas non tripulados; así como na aplicación de algoritmia orientada a medir os parámetros relativos ás diversas áreas (ecosistemas, especies, etc.).
O programa contempla o desenvolvemento e posta en servizo dunha infraestrutura dixital aberta de datos xeoespaciais sobre biodiversidade, que suporá “un repositorio de información dixital e cartográfica aberta á comunidade científica e ás Administracións; así como o desenvolvemento de plataformas non tripuladas, algoritmia, sistemas de comunicacións e sensores específicos para este tipo de misións, entre outras actuacións”, engadiu a directora de GAIN.