GaiásTech acollerá unha xornada sobre o papel dos ecosistemas de datos nos destinos turísticos intelixentes

luns, 1 de xuño do 2026 Redacción

O Centro GaiásTech, na Cidade da Cultura, será o escenario o vindeiro 10 de xuño dunha xornada dedicada ao papel dos ecosistemas de datos na transformación dos destinos turísticos intelixentes, organizada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
A cita afondará no aproveitamento dos datos para mellorar a xestión turística, optimizar a toma de decisións e impulsar modelos máis sostibles e eficientes. Ademais, analizaranse cuestións como a creación de espazos de datos e o desenvolvemento de plataformas tecnolóxicas orientadas ao sector.
A programación combinará relatorios e unha mesa de debate para ofrecer unha visión práctica sobre a aplicación da información e da tecnoloxía ao turismo. A inauguración correrá a cargo do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos. A continuación, o presidente de Segittur, Enrique Martínez Marín, abordará o papel da Plataforma Intelixente de Destinos (PID) e da Plataforma de Innovación Aberta (PIA) como piares para a construción dun gran espazo de datos turístico.
O programa continuará cunha mesa redonda centrada nos espazos de datos turísticos e nos desafíos asociados á súa implantación. Participarán Olga Veiga, responsable de proxectos europeos en AnySolution; Mohammed Mazroua, director da Liña de Mercados e Sistemas de Información de Eurecat; Eliane Van Branteghem, responsable do proxecto Metaheritage da Rede Crusoe; e Jaime Leirós, da Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia. A sesión estará moderada por María José García Sexto, directora da Área de Administración Dixital da AMTEGA.
Tras unha pausa destinada ao intercambio de experiencias entre os asistentes, a xornada retomará a súa actividade cos relatorios de Damián Rey, director da AMTEGA, sobre a aplicación da tecnoloxía ao turismo galego, e de Enrique Lancis, CEO de Humania-labs, que ofrecerá unha análise das principais tendencias tecnolóxicas emerxentes.
O prazo de inscrición xa está aberto a través da páxina web de GaiásTech. O encontro está orientado a profesionais do turismo, administracións públicas, empresas, centros tecnolóxicos e outros axentes vinculados á innovación e á dixitalización dos destinos turísticos.