
A Universidade da Coruña celebrará o vindeiro 2 de outubro, na Casa do Alumnado, a cuarta edición das Xornadas de IA e Nesgos de Xénero: oportunidades para a igualdade, un encontro que reunirá especialistas de diferentes ámbitos para reflexionar sobre os retos que presenta o desenvolvemento e o uso da intelixencia artificial dende unha perspectiva crítica, inclusiva e orientada á igualdade.
As xornadas están organizadas pola investigadora do CITIC Laura Morán e por Teresa Piñeiro, da UDC.
No transcurso da mañá abordaranse cuestións que van dende a presenza de nesgos cognitivos e de xénero nos sistemas de intelixencia artificial ata a súa pegada en eidos como a saúde mental, as redes sociais, a contratación de seguros ou a detección do discurso de odio.
Segundo as organizadoras, “o programa permitirá deste xeito analizar como estes nesgos poden aparecer tanto nos datos cos que se adestran os sistemas, como nas decisións relacionadas co seu deseño e aplicacións concretas.”
A xornada contará coa participación de Helena Matute, da Universidade de Deusto, que analizará como a intelixencia artificial pode herdar os nesgos das persoas e, á súa vez, transmitilos ás persoas que interactúan con ela. A súa intervención poñerá o foco nas diferentes formas en que estes sistemas poden influír nas decisións humanas e amplificar determinados prexuízos.
Pola súa banda, Eurídice Cabañes proporá unha reflexión sobre as bases culturais e sociais sobre as que se constrúen os sistemas actuais de intelixencia artificial. A súa intervención cuestionará a visión da tecnoloxía dende perspectivas patriarcais, extrativistas e coloniais e defenderá a necesidade de repensar o deseño tecnolóxico dende conceptos como a reciprocidade, a rexeneración e os coidados.
A relación entre intelixencia artificial e saúde mental será outro dos eixes do encontro. Ana Freire, da Universitat Pompeu Fabra, presentará un caso de estudo sobre a utilización de técnicas de aprendizaxe automática para detectar sinais de anorexia nerviosa nas redes sociais. A investigación permitirá analizar como os nesgos poden introducirse nos datos, na súa representación ou no propio deseño dos problemas que se pretende resolver, e como o incremento do volume de datos non sempre garante resultados máis xustos.

O programa completarase coa sesión FACTOR[IA] UDC · investigacións en 10’, na que participarán persoas vencelladas á Facultade de Informática da Universidade da Coruña para presentar diferentes liñas de investigación relacionadas coa intelixencia artificial.
Inclúense na sesión propostas que prestarán especial atención á lingua galega e ás linguas minorizadas, como Lucía Álvarez, que explicará a importancia de desenvolver ferramentas capaces de detectar directamente en galego o discurso machista e o acoso nas redes sociais.
Tamén participará Paloma Piot, investigadora do CITIC, que abordará os nesgos demográficos na detección e clasificación do discurso de odio e analizará como a adopción dun determinado perfil demográfico pode influír na identificación deste tipo de contidos, así como o xeito en que a intelixencia artificial pode contribuír á corrección dos nesgos detectados.
Outro dos ámbitos analizados nesta sección será o da contratación de seguros. Rafael Colina examinará a crecente presenza da intelixencia artificial nos procesos de comercialización e personalización dos seguros e os riscos de que o emprego destes sistemas introduza diferenzas de trato entre clientes sen unha xustificación obxectiva.
Por último, a mesa redonda Cara unha IA máis igualitaria, moderada por Laura Castro, permitirá poñer en común as diferentes perspectivas abordadas ao longo da xornada.
Con esta cuarta edición, as Xornadas de IA e Nesgos de Xénero consolidan un espazo de encontro entre investigación, tecnoloxía e sociedade para analizar como construír sistemas de intelixencia artificial máis conscientes das desigualdades existentes e máis respectuosos coa diversidade.
As xornadas terán lugar o 2 de outubro, de 10:00 a 14:30 horas, na Casa do Alumnado.
Programa da xornada
- 10.00 – Inauguración das xornadas
- 10.15 – Nesgos en humanos e en IA
Helena Matute (Universidad de Deusto) - 11.00 – Todav[IA]: unha análise de xénero da IA e dos futuros que aínda estamos a tempo de sementar
Eurídice Cabañes (Filósofa, independente) - 11.45 – Pausa café
- 12.15 – IA, nesgos e saúde mental: cando os datos non representan a todos por igual
Ana Freire (Universitat Pompeu Fabra) - 13.00 – Factor[IA] UDC · investigacións en 10′
- IA contra o machismo: así se desenvolveu o primeiro detector de misoxinia en galego nas redes
Lucía Álvarez (Gradiant) - IA e nesgos na detección do discurso do odio
Paloma Piot (Universidade da Coruña) - IA na comercialización de seguros
Rafael Colina (Universidade da Coruña) - 13.45 – Cara unha IA máis igualitaria
Mesa redonda coas relatoras das xornadas
Modera Laura Castro · vicerreitor[IA] UDC
- IA contra o machismo: así se desenvolveu o primeiro detector de misoxinia en galego nas redes
- 14.30 – Peche das xornadas

