Seguindo a rolda de presentacións de Galicia Open Future polos nosos ámbitos académicos e investigadores (unha rolda que comezou na Universidade de Vigo, tal e como sinalamos hoxe dende Código Cero), o director de Telefónica Galicia, Manuel Alonso, tivo unha cita este mércores ao mediodía cos estudantes e axentes da innovación da Universidade de Santiago. O encontro foi no CiTIUS, e serviu -igual que o seu homólogo en Vigo- para dar a coñecer o alcance e o potencial da iniciativa, unha achega conxunta da operadora e AMTEGA para inxectar enerxía no noso ámbito do emprendemento TIC. Ou sexa, para converter ideas e realidades. Alonso fixo saber que Galicia Open Future pon en xogo beneficios para todos os implicados: para os novos empresarios TIC porque acadan os apoios e os acubillos que procuraban, e para a propia compañía porque atopa a axilidade, o dinamismo e a capacidade de acción do que en ocasións, polo seu propio tamaño, chega a carecer.
Segundo engadiu o máximo responsable de Telefónica en Galicia referíndose a Galicia Open Future (como lembraremos, aceleradora e centro de coworking emprazado na Cidade da Cultura), quen queira presentar a súa idea ou iniciativa, xa pode facelo. Os emprendedores que desexen unirse ao proxecto terán ata o 15 de xuño para formalizar a súa candidatura, e dispoñen na web específica do programa de toda a documentación (requirimentos, funcionamento, etapas) que poidan chegar a precisar, galicia.openfuture.org. A idea é que a finais do verán, en setembro, o centro está xa plenamente en marcha.
A exposición de Manuel Alonso no CiTIUS comezou facendo un breve repaso por iniciativas previas de impulso ao emprendemento levadas a cabo por Telefónica, iniciativas como Wayra, que é hoxe en día a aceleradora de empresas TIC máis grande de Latinoamérica (e que a operadora quere converter en líder tamén en Europa). Segundo fixo saber, Wayra permite que aqueles que fan novos produtos e servizos teñan a posibilidade de achegarse a Telefónica.
O responsable da compañía na nosa terra tamén tivo palabras para explicar o porqué de terse elixido Galicia para acubillar unha iniciativa coma esta. Segundo fixo saber, a empresa levaba anos sen facer nada relevante en Galicia, “un mercado onde a competencia ten sido moi dura, circunstancia que entre outros motivos acabou por xerar unha percepción social da compañía que é peor que noutras comunidades”. E todo isto, engadiu, malia a gran cantidade de postos de traballo e investimentos que a firma mantén aquí.
Respecto da iniciativa Galicia Open Future propiamente dita, Alonso sinalou que está aberta a todo tipo de proxectos innovadores, coa condición de que directamente ou indirectamente teñan unha forte relación coas novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Poden ser proxectos “bastante verdes”, “maduros” ou ben “start-ups con algún cliente xa”. A premisa básica, engadiu, “é axudar a converter unha idea nunha iniciativa de mercado.
Respecto das fases das que se compón Galicia Open Future, Alonso explicou que na primeira fase poderán participar un máximo de 50 proxectos, aos que se lles achegarán 2.000 euros de incentivo, accións de formación e adestramento, asistencia e apoio na maduración. Serán seis meses prorrogables en tres meses máis. Polo que atinxe ao segundo chanzo, Alonso fixo saber que os tres mellores proxectos da primeira fase, recibirán neste novo treito do camiño 25.000 euros adicionais en calidade de premio ao seu labor. Nesta nova etapa, o centro pasará propiamente a ser unha aceleradora de proxectos TIC baseada nos modelos previos postos en marcha pola operadora en Europa e América Latina, un modelo que mantén as portas abertas para a colaboración con universidades, viveiros e incubadoras empresariais, colexios e asociacións empresariais.
Galicia Open Future loce na USC capacidade e experiencia en aceleración
Compartir Este Artigo
