Galicia empregará a IA para mellorar a xestión dos recursos da ría de Arousa
mércores, 9 de abril do 2025
- A ría de Arousa vista dende o monte da Curota, na Pobra, nunha imaxe de Santi Alvite
A Consellería do Mar, a través da Compra Pública de Innovación da convocatoria 2025, propón a creación dun xemelgo dixital que modele a influencia de múltiples variábeis ambientais e antropoxénicas sobre o ciclo de vida de diferentes especies de interese comercial residentes na ría de Arousa.
Trátase do proxecto MaruxIA, que podería ter un investimento de 3 millóns de euros, e a través “do cal contribuiríase a garantir a sustentabilidade e a eficiencia na xestión dos recursos naturais, pois dispor deste sistema axudará no deseño de estratexias que preserven os ecosistemas”, explicaron fontes da Consellería, engadindo que tamén poría en valor a biodiversidade, ao modelar e integrar estes factores e medir o seu impacto na ría. Asemade, “tecnificaría o sector primario, reforzando a competitividade e optimizando a produtividade e sostibilidade mediante a mellora de toma de decisións”.
A iniciativa incluiría dous restos principais. O primeiro, a realización de simulacións de poboacións virtuais en tres bancos marisqueiros a partir dun stock inicial e taxas de recrutamento, crecemento e mortaldade. O obxectivo, a obtención de estimacións nestas área pois, na actualidade, os datos analízanse con modelos tradicionais, aplicados de forma illada por banco e especie.
En segundo lugar, o estudo da evolución dos cefalópodos e pectínedos derivada dos efectos do cambio climático, como poden ser o polbo, a sepia, a vieira ou a volandeira. Para isto, a plataforma incorporaría unha capa de visualización que permita simular e visualizar sobre o mapa da ría os distintos factores ambientais, de xeito que facilite anticiparse aos seus efectos e impactos a medio e longo prazo.
Cos resultados obtidos, obteríase “unha visión integrada dos factores ambientais, económicos e sociais, coñeceríase con precisión o stock de especies comerciais a curto e medio prazo, e determinaría o asesoramento a produtores e empresas para mellorar a calidade e produtividade, o acceso a mercados máis esixentes logo dunha xestión máis eficiente dos recursos, a mellora da planificación e estratexias de conservación, a optimización da investigación e, no campo da I+D+I, a creación dun ecosistema de innovación entre análise de datos, ciencia e explotación mariña, promocionando as novas tecnoloxías no sector pesqueiro e marisqueiros e mellorando a xestión ecosistémica, a través da retroalimentación entre investigación e práctica”.