Galicia integra a súa Carpeta Xustiza coa plataforma estatal

venres, 17 de abril do 2026 Redacción

A Xunta de Galicia vén de completar a integración da Carpeta Xustiza de Galicia coa plataforma estatal Carpeta Justicia, o que amplía as opcións de acceso á información xudicial tanto para profesionais do ámbito xudicial como para a cidadanía. Esta conexión reforza a interoperabilidade entre administracións con competencias en xustiza e permite consultar datos desde un punto único de acceso a nivel estatal, especialmente útil para persoas con procedementos en distintos territorios.
Desde agora, a través da Carpeta Justicia do Ministerio de Xustiza, é posible acceder á información dispoñible na Administración de Xustiza en Galicia mediante a sede electrónica xudicial. Entre os contidos accesibles inclúese o expediente xudicial electrónico, que amosa en tempo real o estado dos procedementos en curso; as notificacións xudiciais; e os sinalamentos, que recollen a data e hora de xuízos, vistas ou comparecencias, tanto para particulares como para profesionais.
Esta ferramenta permite aos usuarios acceder de forma segura á información actualizada, contribuíndo a reforzar a transparencia e a facilitar a relación electrónica coa Administración de Xustiza.
A integración supón un paso relevante na mellora do acceso á información xudicial, ao favorecer unha maior visibilidade, organización e eficiencia na consulta de datos, así como unha coordinación máis efectiva entre as administracións implicadas na prestación do servizo público da xustiza.
Esta actuación inscríbese nas iniciativas promovidas pola Xunta de Galicia para avanzar na modernización tecnolóxica da Administración de Xustiza, mellorar a interoperabilidade dos sistemas e facilitar o acceso dixital aos servizos xudiciais.