GaliciaBanner impartirá a partir do 15 de xuño os cursos de formación de Google

luns, 21 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

GaliciaBanner vén de ser seleccionada por Google para impartir os seus contidos formativos sobre publicidade mediante o servizo Adwords. A empresa galega, que xa estaba previamente identificada polo xigante buscador para participar no sistema como unha Adwords Qualified Company, comezará a súa andaina formativa con Google o vindeiro 15 de xuño, nun seminario de catro horas na sede da Academia Postal en Vigo. Segundo informa GaliciaBanner nunha nota de prensa, o seu cometido será introducir ós asistentes no marketing en Internet e achegar coñecemento sobre como levar a cabo campañas publicitarias en Google Adwords.
Para matriculárense, os profesionais de pequenas e medianas empresas aos que vai dirixido o seminario deben cubrir unha solicitude aloxada na web de GaliciaBanner.
Segundo informa a firma de Vigo, non poderán acudir representantes de empresas susceptibles de operar como intermediarios de Google (axencias, desenvolvedores web, consultores SEM…). Os participantes nesta iniciativa obterán un diploma Google Adwords, un pack con material promocional de Google e un cupón de 50 euros para que emprendan campañas en Adwords. Os cursos repetiranse cunha periodicidade mensual, en Vigo e noutros puntos de Galicia.

PUBLICIDADE