GaliciaBanner ve na operación con Elogia o combustible para competir no mercado mundial... dende Vigo

martes, 28 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Rubén Lopez, director xeral da firma galega, analiza polo miúdo os detalles da operación coa multinacional

Dixémolo a semana pasada: GaliciaBanner, a axencia galega de medios interactivos, vén de integrarse na multinacional Elogia, logo de que se completase a venda do 100% das accións da empresa da nosa terra ó longo deste mes de agosto. Tanto Elogia como GaliciaBanner coinciden no mesmo punto: no beneficioso que é o acordo para as dúas firmas. No caso da galega, a operación serviralle para pisar o acelerador nos seus plans de espallamento e para mellorar ó máximo as súas ofertas na Internet. E todo iso, sinala o director xeral Rubén López Ferreiro, sen deixar de traballar dende Galiza, grazas sobre todo ás posibilidades do mundo interactivo no que decote vivimos. É dicir: para GalicaBanner, as novas tecnoloxías dilúen fronteiras, achegan posturas e transforman a orde económica e xeográfica mundial tal e como a coñecemos. Dan marxe para acadar o inaudito: competir no mercado en igualdade de condicións... dende Vigo.
Pero deixemos que sexa o propio Rubén López o que explique esta operación e o que representa para a súa empresa. Reproducimos polo tanto as súas declaracións, publicadas estes días pola propia GaliciaBanner.

-GaliciaBanner pasa a integrarse no Grupo Elogia. Que é Elogia?
-É un grupo de comunicación interactiva presente en varios países, cun nivel de especialización altísimo, xa que cada un dos servizos da empresa se ofrece desde unha unidade de negocio independente formada por profesionais altamente cualificados na materia.
-Vai esta compra supor a desaparición de GaliciaBanner?
-Ao revés, isto o que supón é unha oportunidade para a potenciación de GaliciaBanner.
-Ficarán na nosa terra?
Todo o groso do equipo queda en Galicia pois nun mundo interactivo as distancias físicas non supoñen fronteiras. Nós faremos ao revés que os nosos grandes competidores que o que fan é mandar un delegado comercial a provincias: nós mandaremos delegados comerciais a Madrid. Estamos convencidos que desde a nosa terra se pode competir en igualdade de condicións que desde calquera outro punto de España.
-En que posición quedan os seus actuais clientes? Seguirán prestándolles os seus servizos?
-Aos clientes actuais de GaliciaBanner non lles afecta en absoluto. Poderán seguir contando co mesmo equipo de profesionais á súa disposición para as súas planificacións interactivas, pero poderán acceder a servizos que ofrecen outras divisións do grupo en condicións preferentes como, por exemplo, un instituto de investigación de mercado en liña, cun panel propio de máis de medio millón de panelistas.
-Como se miden os resultados desa planificación?
-A través dun adserver (servidor de publicidade). Nós podemos saber o que está pasando coas campañas dos nosos anunciantes en tempo real: cantas persoas viron os anuncios, cantas veces os viron, se fixeron clic ou non, e mesmo se posteriormente solicitaron información ou realizaron algún tipo de pedido. GaliciaBanner usa un dos programas máis recoñecidos do mercado: “DART for advertisings” da compañía que ultimamente adquiriu Google, Doubleclick.
-Xa que menciona Google, que significa ser unha Google Adwords Qualified Company?
-É un recoñecemento que outorga Google ás empresas que demostran unha alta capacidade e coñecemento para a implementación de campañas no seu programa publicitario Adwords. Isto baséase no grao de cualificación do persoal, que ten que superar uns exames previos; no tempo de emprego deste tipo de formato publicitario; e no volume de investimento xestionado. En concreto, GaliciaBanner é a única axencia en Galicia con esta distinción e unha das poucas en España.
-De verdade é todo tan fiable como se asegura? Dá resultados o marketing en Internet?
-Sen lugar para a dúbidas. Proba disto é que o grao de fidelización dos clientes de GaliciaBanner é moi alto, precisamente polo sinxelo que é comprobar os resultados e a rendibilidade que se obteñen, algo que non lles permiten o resto dos medios. En canto á fiabilidade, esta está garantida porque a medición de resultados faina unha empresa externa que se dedica exclusivamente a iso, como é Doubleclick, plataforma recoñecida por todos os grandes anunciantes e axencias do mundo.
-Agora o mundo enteiro fala de Internet pero, como foi todo ao comezo?
-Pois… Moi duro. Nós xurdimos xusto despois de estoupar a burbulla tecnolóxica e iso, ao principio, provocou moito rexeitamento entre os anunciantes. Afortunadamente esa desconfianza está cen por cen superada e cada vez son máis os que confían na Rede como soporte de marketing. En Inglaterra, por exemplo, o investimento publicitario en Internet xa é superior ao da radio.
-Cal cre que foi a chave do éxito de GaliciaBanner?
-A innovación e a especialización. Moitas empresas inclúen no seu portafolios de produtos “marketing en Internet” e en moitos casos non saben nin o que iso implica: úsano de comodín. Pero cando un anunciante se decide a investir en publicidade na Rede acaba diferenciando rapidamente os servizos que uns e outros poden ofrecerlle. Nese sentido, o alto nivel de especialización é clave para explicar o noso rápido crecemento.
-¿Desde entón lograron manter o mesmo equipo profesional?
-Pois, aínda que somos varios os que nos mantemos desde o inicio, a verdade é que GaliciaBanner, precisamente polo seu alto nivel de cualificación e especialización, veu servindo de canteira aos grandes medios galegos. Empresas como La Voz de Galicia ou Faro de Vigo, contan actualmente nas súas edicións dixitais con profesionais formados na nosa axencia.
-E todo isto desde Vigo…
-Si, a verdade é que somos un rara avis. Empresas como a nosa só existen actualmente en Madrid e Barcelona, excluíndo Bilbo e Valencia, onde hai delegacións comerciais de grandes compañías. Pero para nós iso non supón ningún handicap. Galicia está chea de grandes anunciantes e nun mundo interactivo a distancia física non é ningunha barreira. Temos anunciantes en todo o territorio español. A algúns deles nin os coñecemos persoalmente!
-Cales son agora os plans de expansión de GaliciaBanner?
-Os plans pasan pola estratexia do Grupo Elogia, que desde hai varios anos está presente en México de maneira moi exitosa, con dúas oficinas, e este ano abriu outra oficina en Buenos Aires. As ideas forza son: fortalecemento a nivel estatal e incremento da presenza en Latino América.

PUBLICIDADE