A edición 2012 do encontro profesional GaliciaTIC, dirixido a amosar innovación tecnolóxica e novos xeitos de traballar conxuntamente arredor desta tecnoloxía, celébrase este venres 19 de outubro, no Centro Social Nova Caixa Galicia de Vigo. GaliciaTIC, que celebra o seu décimo aniversario (cousa nada doada no ámbito dos eventos profesionais), enfocarase sobre todo a amosar as últimas innovacións relacionadas coa mobilidade (NFC, RFID), o almacenamento virtual (computación na nube), a seguridade, a xestión (management, BI, BPM), a produtividade no desenvolvemento de software e a contribución aos novos xeitos de vida e comportamento social (redes sociais, cidades intelixentes: smart cities, etc).
GaliciaTIC ontará este ano coa presenza activa de empresas galegas de primeira liña, como por exemplo Imatia, Edisa ou Emetel. Esta última, por certo, estivo de actualidade os días pasados ao ter sido obxecto dun importante recoñecemento: a certificación ISO 20000 de AENOR, acadando o seu obxectivo para 2012 en materia de calidade, o que a sitúa como a empresa do sector TIC da Coruña con máis certificacións AENOR, cun total de cinco, e a segunda en Galicia. En GaliciaTIC, Emetel organiza a mesa de expertos Vantaxes competitivas das tecnoloxías de mobilidade, con José Manuel Maseda, director comercial da empresa galega, en labores de moderador.
Polo que respecta a Imatia, participará unha vez máis como patrocinadora, achegando a maiores contidos ao programa de actividades. Por exemplo a presentación Citizen developers, os usuarios ao poder, que virá da man do director xeral da empresa, Fernando Vázquez. Tamén organizará o obradoiro Como crear de xeito doado aplicacións de negocio, que será impartido por Alejandro Ricart, director da Unidade de Negocio de I+D de Imatia.
Polo que atinxe a Edisa, cóntanos a propia firma con sede en Vigo que amais do labor de patrocinio, colaborará nunha das mesas redondas, “trasladando a experiencia de Edisa sobre o desenvolvemento de solucións de xestión empresarial e o reto que supón o desenvolvemento de software estándar de xestión adaptado a distintos mercados internacionais”. Asemade, a empresa fará referencia ás principais tendencias a nivel tecnolóxico no referente ás aplicacións de xestión empresarial.
GaliciaTIC chega este venres 19 á súa décima edición
Compartir Este Artigo
