GaliciaTIC suma novos apoios e ultima o seu programa
martes, 13 de setembro do 2016
GaliciaTIC,
o evento galego sobre novas tecnoloxías da información, está a
piques de chegar á súa 14 edición. A cita será o 22 de setembro
na Cidade da Cultura de Santiago, baixo o lema Transformación
dixital para unha competencia global. O gran obxectivo desta
edición 2016 é indagar o potencial das revolucións tecnolóxicas
para impulsar o noso tecido empresarial e industrial cara a modelos
de meirande eficiencia, sustentabilidade e rendemento. Por certo que
estes días puidemos saber de novos apoios (por exemplo o de Hewlett
Packard Enterprise, o do Centro Tecnolóxico Gradiant ou do Centro de
Investigacións TIC da Coruña, o CITIC) e, tamén, de
todos os detalles relativos ao programa.
Entre os patrocinadores
confirmados do evento atópanse Banco Sabadell, Deloitte, Edisa,
Emetel, Fujitsu, Imatia, Itelsis, Ayco, Qindel, Oracle, Televés,
Hewlett Packard Enterprise, CouncilBox e UNProject. Haberá
relatorios, mesas temáticas e actividades de achegamento ás últimas
tendencias TIC mundiais, amais dunhas innovadoras xeiras de debate
tecnolóxico con formato de ring de boxeo. Amais dos devanditos
apoios, contarase co respaldo do Colexio Profesional de Enxeñaría
en Informática de Galicia (CPEIG), a asociación Ineo (asociación
galega de empresas tecnolóxico-dixitais), o Centro Tecnolóxico
Gradiant, o Centro de Investigación TIC da Coruña (CITIC), a
Universidade de Vigo e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica
de Galicia, AMTEGA. Por certo que a maiores das ditas entidades
colaboradoras nas xornadas pasadas sumáronse os de GoEmprende (Rede
Business Angels de Castela A Mancha) e MyAngelTIC (rede de
investidores de proxectos innovadores e tecnolóxicos).
Respecto do programa, a
inauguración correrá a cargo de Mar Pereira, directora de AMTEGA.
Contarase para a sesión oficial de apertura de actividades (prevista
para as 9.30 horas) coa presenza de Giovanni Giardina (Ineo) e Miguel
Merino (Universidade de Vigo). A continuación Futijsu falará de Os
retos do Big Data e a Transformación Dixital Auditorio, e, un
pouco máis tarde Deloitte debullará a seguinte cuestión: Os
retos da transformación dixital dende o punto de vista da
ciberseguridade. Podemos ver o
programa por enteiro, en todos os seus detalles, accedendo a
www.galiciatic.com/programa2016.
Start-Up Battles
Entre as actividades
previstas (amais de conferencias e mesas redondas participativas) hai
unha iniciativa que é unha innovación en si mesma. Trátase das
Start-Up Battles, presentacións de novos proxectos
tecnolóxico-dixitais a desenvolver sobre un escenario a todas luces
orixinal: un ring de boxeo.
Segundo informan os organizadores de
GaliciaTIC, as Start-Up Battles son desafíos cara a cara
mediante "combates dialécticos divertidos e informais”, sobre
diversas temáticas e cuestións clave no ámbito do emprendemento
TIC e levados a cabo entre dous duelistas con posicións enfrontadas.
A idea é permitir que os asistentes se aproximen ao máximo ás
diferentes temáticas tratadas, facilitando que tiren as súas
propias conclusións ao serlles achegados dous puntos de vista
diferentes e poñendo en xogo, desta maneira, un duplo ingrediente
enriquecedor.
