Galiza Sempre presenta a versión dixital da mostra Feminismo galego
xoves, 8 de setembro do 2011
Seguimos a falar da muller na sociedade de
hoxe e as novas tecnoloxías, logo dunha xeira que comezamos dando conta do compromiso
de EGANET neste eido e máis da actividade
programada por GALpon no vieiro de avaliar o panorama da programación
aberta en relación a esta cuestión. Pois ben, agora é a quenda da Fundación
Galiza Sempre, que volve cinguir as cuestións muller-TIC a través dunha
actividade diferente, pero complementaria e, sobre todo, necesaria. Falamos da
mostra dixital Feminismo galego: cambios sociais e dereitos das mulleres, a
versión en liña dunha exposición presentada en 2009 e que podemos ver xa a través
da súa web. A actividade, agora
virtual e polo tanto cen por cen accesíbel e visitábel con independencia de
onde nos atopemos, dá acubillo a diferentes linguaxes e formatos para dar
testemuño, en detalle, das reivindicacións do movemento feminista.
En palabras das responsábeis da Fundación, trátase
de “textos, publicacións, noticias e
documentación gráfica para impulsar na sociedade galega a reflexión sobre os
avances e cambios sociais promovidos polas entidades e organizacións defensoras
da igualdade de dereitos das mulleres”.
A iniciativa é un percorrido por
acontecementos decisivos para a loita a prol da igualdade de dereitos, como o avance do
sufraxismo; a II República; a ditadura franquista; as agrupacións
feministas galegas dos anos 70 e 80 ou
estado actual da loita feminista.
Segundo informa a Fundación, co obxectivo de
facer máis doado o emprego da mostra en accións de tipo formativo e
divulgativo, habilitouse a posibilidade de descarga documentos en formato pdf
coa información relativa aos distintos períodos documentos, dende o século XIX
até practicamente a actualidade. Asemade, achégase en formato dixital unha
publicación que resume os principais contidos e reproduce as novas de prensa de
especial significado para o movemento a partir do remate da ditadura.